Dream Team
Equipo olímpico de baloncesto dos EE UU que participou nos Xogos da XXV Olimpíada da era moderna (Barcelona 1992). Ata os Xogos de Seúl 1988 os EE UU mantiveran unha hexemonía absoluta no baloncesto olímpico masculino, que tan só fora quebrada en Múnic 1972, cando o equipo da URSS se impuxera na final aos estadounidenses. Os Xogos de Seúl 1988 foron os primeiros nos que se permitiu a participación de baloncestistas profesionais, pero os EE UU enviaron un combinado de xogadores da liga universitaria. A derrota desta selección, que non acadou a final (Iugoslavia venceu a URSS) e só puido lograr a medalla de bronce, provocou unha fonda crise nos dirixentes deportivos do país, que prepararon para a seguinte edición dos xogos un equipo coas máximas figuras do seu baloncesto profesional. Así, obtiveron a medalla de ouro nos Xogos de Barcelona. Os integrantes daquela selección, adestrada por Chuck Daly e capitaneado por Larry Bird e Earwing Magic Johnson, foron: Charles Barkley, Clyde Drexler, Pat Ewing, Michael Jordan, Karl Malone, Chris Mullin, Scottie Pippen, David Robinson, John Stockton e Duke Christian Laettner. Para os xogos olímpicos seguintes, o comité olímpico nacional dos EE UU continuou a mesma política, e acadou dúas novas medallas de ouro (Atlanta 1996 e Sidney 2000, gañadas polos denominados Dream Team II e Dream Team III).