Drnovsěk, Janez

Drnovsěk, Janez

Político esloveno. Doutor en Economía pola Universidade de Maribor (1986), foi deputado na Asemblea da República Socialista de Eslovenia (1986) e delegado na Cámara das Repúblicas. Membro da Liga dos Comunistas Eslovenos (ZKS), en 1989 presentouse como independente ás eleccións para representantes na presidencia colectiva de Iugoslavia. Presidente colectivo de Iugoslavia (1989-1990), durante o seu mandato presidiu o IX Cumio do Movemento de Países non Aliñados (Belgrado, 1990). Dende 1990 dedicouse á política en Eslovenia. En 1991 ingresou no Liberalna Demokracija Slovenije (LDS). O 14 de maio de 1992 substituíu no cargo de primeiro ministro a L. Peterle, posto para o que foi elixido tralos comicios do 6 de decembro de 1992 e que renovou nas eleccións do 10 de novembro de 1996. O 8 de abril de 2000 perdeu a confianza parlamentaria, pero tralos comicios do 17 de novembro de 2000 de novo foi elixido primeiro ministro. Xunto co presidente da República dirixiu a integración de Eslovenia nas estruturas políticas e económicas de Europa Occidental. Escribiu Moja resnica (A miña verdade, 1996) e O laberinto dos Balcáns (1999). Recibiu, entre outros, o premio do Foro Crans Montana (Malta, 1995) e o premio ao Diálogo Europeo (Madrid, 1998).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Celje