Drtikol, František
Fotógrafo checo. Aprendeu fotografía en 1898 no estudo de Antonin Matas. Realizou parte da súa formación en Múnic, da man de G. H. Emmerich e Hans Spurl, entre os anos 1901 e 1903. Ao seu regreso a Praga, en 1910, instalou un estudo propio, onde se especializou en retratos de escritores e artistas. As súas composicións alegóricas están influídas polo modernismo e o simbolismo, e nelas mestura elementos do cubismo, do construtivismo e certo neoclasicismo. Pertence ao grupo de fotógrafos adscritos ao pictorialismo que utilizaban as gomas bicromatadas. A maior parte delas corresponden ao período 1900-1935 e cómpre salientar os nus femininos. Membro da Union Creative Artist, foi un dos fotógrafos máis destacados do movemento europeo da Bauhaus e influíu na obra doutros creadores checos, como Josef Sudek e Jaromir Funke. Publicou, xunto con Augustin Skarda, o libro Prague’s Coutyards and Backyards (1911). Conseguiu a Medalla de Bronce da Internationale Austellung für Photographie und Graphische Kunst in Mainz, en Alemaña. Algunhas das súas creacións expuxéronse nunha retrospectiva no Museo de Artes Decorativas de Praga en 1972, mostra que percorreu Milán, Londres e diversas cidades dos EE UU.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pribam -
Deceso
Lugar : Praga