Du Cange, Charles du Fresne
Lexicógrafo e historiador francés. Estudiou no colexio dos xesuítas de Amiens e en pouco tempo aprendeu latín, grego, francés e varias linguas estranxeiras. Fixo despois dereito en Orléans e, tras prestar xuramento como avogado ante o Parlamento de París (1631), regresou a Amiens. O 19 de xullo de 1638 casou con Catherine du Bos e en 1645 pasou a ocupar o cargo de funcionario da facenda pública de Amiens. En 1668, a peste que se apoderou da cidade obrigouno a trasladarse a París. As súas obras son un modelo de erudición, polo que foi admirado no seu tempo. Como filólogo é autor do Glossarium ad scriptores mediae et infimae latinitatis (1678), o primeiro dicionario completo da baixa latinidade e o máis rico dos repertorios mediolatinos; así mesmo, pode ser considerado como o primeiro léxico do francés antigo, polo importante volume de textos que recolle desta lingua. Deixou tamén un Glossarium ad scriptores mediae et infimae graecitatis (1688), en que non se limita a dar o verdadeiro significado das palabras senón que facilita abundante información sobre os máis diversos aspectos da cultura e da historia gregas, e aínda do Imperio de Oriente. Como historiador, estudiou a historia bizantina, con obras como Histoire de l’empire de Constantinople sous les empereurs français (Historia do imperio de Constantinopla baixo os emperadores franceses, 1657) e Historia byzantina (1680), notas e aclaracións sobre a conquista de Constantinopla escrita por Villehardouin e observacións sobre diversos historiadores de Constantinopla (In Briennii, Commenai et Cinnami historiam notae, 1670). Tamén se dedicou ao estudo da historia de Francia; así en 1668 editou a historia do reino de San Luís, de Joinville, e preparaba unha historia xeral de Francia, que finalmente non puido elaborar. O ministro Jean-Baptiste Colbert encargoulle a dirección dun traballo sobre os historiadores de Francia, que non chegou a culminar por diferencias co ministro sobre o proxecto da obra. É autor tamén de Traité historique du chef de Saint Joan-Baptiste (1665) e dunha edición do Chronicon paschale (1688). Postumamente, publicouse Dissertatio de portu Iccio (1694), Illiryam vetus et novum (1746), Dissertatio de imperatore Constant, Inferioris aeris numismatibus (1756), Histoire de l’état de la ville d’Amiens (1840) e Familles d’outremer (1860).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Amiens -
Deceso
Lugar : París