dualidade

dualidade

(

  1. s f
    1. Calidade de dual.

      Sinónimos: dualismo.
    2. Coexistencia de dous elementos, posicións ou principios distintos en alguén ou algo.

      Ex: A dualidade da súa conduta desconcértame. Na súa obra reflíctese a dualidade do ficticio e do real.

      Sinónimos: dualismo.
  2. s f [FÍS]

    Propiedade que fai referencia á analoxía existente entre uns determinados teoremas e ecuacións relativos aos circuítos eléctricos. Segundo a analoxía, poden estar agrupados certos elementos ou conceptos de dous en dous (denominados duais), de maneira que as leis son as mesmas cambiando todos os elementos polos seus duais. Deste xeito, son duais, por exemplo, tensión/intensidade, resistencia/ condutancia, capacidade/indutancia, serie/paralelo, baleiro/curtocircuíto e nó/malla.

  3. dualidade onda-partícula [FÍS]

    Principio de mecánica cuántica que implica que a luz e o resto das partículas subatómicas ás veces actúan como unha onda e ás veces como unha partícula, dependendo da experimentación que se estea realizando. Por exemplo, as radiacións electromagnéticas de frecuencia baixa tenden a actuar máis como unha onda que como unha partícula; pola contra, as de frecuencia alta tenden a actuar máis como unha partícula que como unha onda. Esta hipótese formulouna en 1924 L. V. de Broglie que propuxo a posibilidade de contemplar as partículas elementais coma se fosen ondas. Empregando a ecuación de Einstein, que relaciona masa e enerxía, e a ecuación de Planck, que relaciona a enerxía dunha radiación coa súa frecuencia, De Broglie demostrou que toda partícula actúa tamén como unha onda de certa lonxitude. En principio, esta conclusión podería ser estendida a calquera corpo. Non obstante , da expresión obtida por De Broglie e das observacións experimentais feitas, dedúcese que canto máis masiva é unha partícula máis prominente é o seu comportamento como tal, e menor é a posibilidade de contemplar o seu aspecto de onda. A dualidade onda-partícula ten consecuencias importantes subatomicamente, pero tamén serve para explicar certos comportamentos experimentais da luz e doutras radiacións, como a difracción e os fenómenos de interferencia.

Palabras veciñas

du-dua | dual | duala | dualidade | dualismo | dualista | dualístico -ca