dugongo
(< lat científico Dugong)
Mamífero de corpo groso, de ata 3 m de lonxitude e 300 kg de peso. Presenta unha aleta caudal bilobulada que empregan para impulsarse pola auga mediante movementos vigorosos e orientados nun plano vertical, e os dous membros anteriores reducidos e flexibles, que empregan como temón mentres nadan e para soster o alimento. Teñen o labio superior grande e partido en dúas metades, de mobilidade independente, co que poden manexar a comida. Na boca só teñen dentes molares. Respiran cada 20 minutos cando están en repouso e cada 3 ou 5 minutos cando están en plena actividade. Habitan as desembocaduras dos grandes ríos, aínda que ocasionalmente se aventuran en mar aberto. Distribúense por augas con temperaturas que nunca descenden dos 21°C das costas do Océano Índico, o L de África, India, Asia e N de Australia. Son herbívoros que consomen diariamente unha cantidade de alimento equivalente a unha décima parte do seu propio peso. A dieta componse, principalmente, de algas e dalgunhas plantas subacuáticas. Os machos adultos son animais solitarios que só establecen relacións na época da reprodución. Os grupos familiares, formados pola nai e as crías, comunícanse mediante voces semellantes a rinchos, e gustan do contacto físico. As crías son aleitadas durante un ano e logo permanecen coa nai outro ano máis. Os dugongos acadan a madureza sexual aos 10 anos e poden vivir ata os 70. Crese que o mito das sereas se basea na existencia destes animais.