duna

duna

(< neerl duin)

Depósito de area de espesor e lonxitude moi variable, orixinado pola acción eólica. Fórmase en espacios abertos e con vexetación escasa ou moi rara que non dificulta o movemento dos fluxos de aire e favorece, en consecuencia, o transporte eólico das partículas de area. Xeralmente, a formación de dunas corresponde, basicamente, a dous tipos de ambientes diferenciados: as rexións desérticas e subdesérticas e os espacios costeiros; aínda que, en ocasións, nos países secos de dominio continental -como é o caso da estepa rusa- se poden formar cordóns dunares no leito dos ríos durante fases de estío prolongado.
Dunas de climas áridos
As dunas desérticas dispóñense a miúdo formando ergs ou cadeas areosas, de forma e extensión heteroxénea, que combinan distintos tipos de dunas. Algúns cobren varias decenas de miles de km2, como os grandes ergs saharianos, entre os que destaca o Gran Erg Occidental (80.000 km2), ou o Roub Khali de Arabia, de dimensións semellantes a Francia. Polo xeral, a posición das dunas dos desertos adoita ser bastante estable de xeito que, aínda que a area é constantemente removida polo vento, os límites do erg practicamente non varían. A xénese destes inmensos “mares de area” é dubidosa, sen embargo, nalgúns casos parece claro que se formaron sobre mantos areosos depositados polas augas mariñas (deserto de Senegal) ou aluviais (ergs do Sáhara). As dunas dos ergs presentan case sempre unha disposición aliñada, con cristas paralelas entre si, formando cordóns de decenas de km denominados seif. Estes sepáranse uns dos outros por amplos corredores (gasi); pola contra, nos regs ou hamadas, áreas desérticas onde a area é máis escasa e se mestura con pedregais, predominan as dunas de tipo barkhana, que teñen unha forma característica de media lúa, debido a que avanzan no sentido dos ventos dominantes, desprazándose máis rapidamente no sector central, de modo que os extremos quedan nunha posición atrasada con respecto ao mesmo.
Dunas litorais
As dunas costeiras fórmanse en relación coa dinámica das praias areosas que as alimentan, aínda que ás veces poden estar asociadas a sectores acantilados (dunas remontantes). Localízanse por enriba do nivel superior das mareas altas, alí onde secan os sedimentos depositados, podendo así ser mobilizadas polo vento, e onde, en condicións normais, non chega a acción erosiva da marea. Xeralmente, diferéncianse das dunas dos desertos pola maior presenza de formacións vexetais sobre a súa superficie e polas súas dimensións máis reducidas, aínda que nalgúns casos se poidan localizar extensas chairas litorais cubertas por dunas móbiles que, como na duna do Pyla, moi preto de Bordeos (Francia), acadan máis de 110 m de altura. A menor escala, na Península Ibérica existen bos exemplos deste tipo, no Parque Nacional do Coto de Doñana (Huelva) e en Galicia, en Corrubedo (Ribeira). Para o desenvolvemento de dunas costeiras precísase a coincidencia de tres condicións, por unha parte, a existencia dun balance positivo de area na praia, é dicir, dun stock sedimentario; en segundo lugar, o rexistro de ventos moderadamente fortes, fundamentalmente desde o mar cara á costa, capaces de transportar as areas cara ao interior, e, finalmente, precísase tamén dunha certa humidade ambiental que facilite o asentamento da vexetación nos solos areosos. Polo tanto, a nivel mundial, estas acumulacións desenvólvense mellor nas costas das zonas temperadas e nas tropicais áridas, mentres que nos trópicos húmidos son de extensión moi limitada, debido fundamentalmente á abundancia de precipitacións que favorecen o crecemento dunha densa cuberta vexetal que protexe a superficie areosa. As plantas xogan un papel moi relevante na xénese e na dinámica das dunas litorais, pois favorecen o inicio das acumulacións dunares, xa que actúan como un obstáculo ou freo para o vento que, ao diminuír a súa velocidade, perde capacidade de carga e deposita os sedimentos que transporta en suspensión. Non obstante , a inestabilidade dos solos areosos, así como a presenza de sales solubles nos ambientes costeiros, condicionan enormemente a aparición de formacións vexetais, de modo que a colonización destes espacios se limita ás especies psamófilas (adaptadas aos medios areosos) e halófilas (que toleran o sal). En ambos os casos, as plantas posúen uns longos e complexos sistemas de raíces que facilitan o seu crecemento e permiten a captación dun máximo de humidade, podendo chegar aos acuíferos de auga doce. En áreas con achegas moi abondosas de area, non hai posibilidade de que se instale a vexetación, polo que dan lugar ás dunas móbiles ou transgresivas, que avanzan no sentido dos ventos dominantes; pero se existe unha relativa e elevada humidade ambiental, as plantas psamófilas e halófilas inician a súa fixación na superficie dunar. Unha gramínea, a Ammophila arenaria, é a especie pioneira por excelencia na colonización das dunas costeiras de Europa Occidental, pois é capaz de fixar máis de 2 m de area a unha duna en proceso de formación. A Ammophila instálase nas acumulacións cun carácter máis dinámico, normalmente nas dunas máis achegadas á praia, que reciben constantes cantidades de area e están máis expostas ao ataque das ondas que, en episodios de tormenta, poden chegar a destruír a fronte dunar. Cara ao interior, a medida que aumenta a distancia respecto da liña de costa, a diminución da intensidade do vento, a menor alimentación areosa e, sobre todo, a crecente eficacia da acción estabilizadora das plantas grazas ao enriquecemento do solo, favorece a progresiva fixación da superficie das dunas coa aparición de sucesións vexetais moito máis densas e variadas (Crucianella maritima, Calluna vulgaris, Artemisia crithmifolia, Rosmarinus officinalis, etc) ou especies tan adaptables a multitude de ambientes como a trobisqueira (Daphne gnidium).
Os sistemas dunares de Galicia
O NO da Península Ibérica, como toda a fachada atlántica europea, conta con excepcionais condicións para o desenvolvemento de dunas costeiras, debido á elevada frecuencia de ventos fortes cara á costa, e por mor da persistencia das depresións ciclónicas asociadas ás perturbacións da Fronte Polar nestas latitudes medias. Deste xeito, xeralmente, na cornixa cantábrica dominan os ventos de compoñente N e O, que son tamén os de maior intensidade, mentres que no litoral atlántico, especialmente nas Rías Baixas, os fluxos de aire dominantes proceden, sobre todo durante o outono e o inverno, do S e do SO. A disposición da costa galega fai que a maior parte dos areais estean pechados entre sectores acantilados, con dimensións e orientacións moi diferentes, de modo que cada praia desenvolve o seu sistema particular de dunas. Este feito explica a gran variedade tipolóxica dos conxuntos dunares onde se localizan, dende pequenos cordóns dunares paralelos á praia, en case todos os areais galegos (praias de Reinante, O Vicedo, Laxe, Carnota, San Francisco, Portosín, Aguiño, etc), ata impresionantes dunas remontantes que cobren topografías de preto de 200 m de altitude (enseada do Trece) e amplos sistemas dunares, de complexa orixe e cunha evolución moi vinculada á existencia de lagoas costeiras (Corrubedo ou os conxuntos de Doniños, Traba, A Frouxeira e Louro). Así mesmo, á parte destes últimos exemplos, os campos dunares de maior volume localízanse nas praias de tipo esteiro ou asociadas a desembocaduras fluviais, onde se depositan grandes cantidades de material sedimentario transportado cara á costa polas ondas, correntes e mareas e, posteriormente, redistribuído pola acción eólica. Destacan neste sentido os complexos dunares de Pantín, Coba (no esteiro do río Ares), Daloris (que pecha o esteiro da Insua, no interior da ría de Corme e Laxe) ou o gran complexo eólico de Baldaio. As dunas costeiras son un elemento fundamental na conservación do equilibrio sedimentario das praias, ademais dunha protección para as terras interiores das ondas e mareas extremas, pero constitúen un dos ecosistemas máis fráxiles e sensibles ao impacto humano. O proceso de destrución dos ambientes de praia-duna, que se iniciou nas décadas de 1950 e 1960 ligado ao auxe das actividades turísticas e construtivas, non lle afectou a Galicia nos niveis de degradación irreversible que experimentaron, por exemplo, algúns treitos do litoral mediterráneo. Non obstante , no NO peninsular tamén se poden presenciar os danos causados pola edificación de bloques de apartamentos ao pé de praia (co exemplo paradigmático do núcleo de Sanxenxo) ou de paseos marítimos situados, en moitos casos, xusto enriba das cristas dunares. Outra actividade moi prexudicial para o desenvolmento natural destes ecosistemas son as extraccións de areas para a fabricación de materiais de construción. Ata ben entrada a década dos oitenta, particulares e empresas do ramo realizaron extraccións indiscriminadas en sectores tan relevantes desde o punto de vista xeomorfolóxico, botánico e paisaxístico como o complexo dunar de Corrubedo, onde, desde a súa proclamación como Parque Natural (o 5 de xuño de 1992), se prohibiron totalmente este tipo de actuacións.