Durán
-
[ONOM]
Nome e apelido patronímico que proceden do latín durandus (participio de futuro pasivo ou xerundivo do verbo durare ‘durar, permanecer, resistir’). Como nome persoal documéntase no s XIII: “Duram” (doc ano 1205 en P. Loscertales de García de Valdeavellano, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol II, 1976, p 159). Como apelido atéstase no s XIV: “Pedro Durã” (doc ano 1317 en C. de Azevedo Maia, História do galego-portugués. Estado lingüístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI, 1986, p 227).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe moi estendida por toda a Península que se estableceu na Limia. A rama galega trae como armas, en campo de goles, un pao de ouro, e en punta, ondas de azul e prata; bordo de ouro, con oito cabezas de león (ou de lobo), de goles.