Durán Alonso, Juan

Durán Alonso, Juan

Compositor. Profesor numerario do Conservatorio Superior de Música da Coruña, estudiou nos conservatorios superiores da Coruña e Vigo, e dende 1997 é asesor técnico da consellería de Educación da Xunta de Galicia. Socio fundador e directivo da Asociación Galega de Compositores, é autor de publicacións didácticas de linguaxe musical e piano, amais dun monográfico sobre a obra do seu mestre Roxelio Groba. Colaborador na Revista Galega de Ensino e crítico musical en La Voz de Galicia, en 1986 gravou a música para a produción do Centro Dramático Galego de A noite vai coma un río. Na súa traxectoria profesional dedicou especial atención á transcrición de pezas de distinta autoría, sobre todo para quinteto de metais, escribiu obras sobre temas de P. Sorozábal (Variaciones sobre un tema de Pablo Sorozábal, 1990 e 1993) e de A. Gaos (Variaciones sobre “Rosa de abril”, 1997) e diversos lieder sobre textos de F. Pessoa (Estou só, 1985), G. Diego (Nana, 1986) e M. Hernández (Yo no quiero más luz, 1986). Entre a súa produción compositiva destacan Permanencias (1985), Intermedios (1985), Seis niños y una estrella (1987), Oración (1989), Concertino (1991), Cuatro romanzas sin palabras (1993), Sonata (1994), Juegos Tímbricos (1994), Quince piezas infantiles (1995), Un repoludo gaiteiro (1996) e Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz (1999), sobre un texto de M. A. Fernán Vello.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo