Dürer, Albrecht

Dürer, Albrecht

Pintor, debuxante, gravador e tratadista alemán. Formouse co seu pai, o ourive Albrecht o Vello, e no obradoiro do pintor e gravador Michel Wolgemunt. Durante a viaxe de aprendizaxe que realizou polo Alto Rin (1490-1494) visitou en Colmar o obradoiro do gravador Martin Schongauer, pouco despois da súa morte, e traballou en Basilea e Estrasburgo como ilustrador de libros. En 1494 viaxou a Italia, onde coñeceu a obra de Mantegna e Bellini e pintou as súas primeiras paisaxes á acuarela. En 1495 instalouse en Nuremberg e abriu un obradoiro. Realizou dous polípticos e o retrato de Federico o Sabio, elector de Saxonia, e converteuse nun dos seus pintores protexidos. En 1505 viaxou de novo a Italia e realizou diversas obras en Venecia. Dende 1512 relacionouse con Maximiliano I, quen lle encargou a xilografía do Arco do Triunfo de Maximiliano. Á morte do emperador, suprimíuselle a pensión anual, que este lle outorgara de xeito vitalicio, e en 1520 viaxou a Anveres para solicitar a renovación a Carlos V. A súa obra partiu da tradición artesá medieval do gótico tardío alemán; sen embargo, durante a súa primeira viaxe a Venecia, contactou cos autores e as obras renacentistas e impulsou unha renovación mediante uns coñecementos teóricos dos límites e das leis das formas e do espacio. Intentou acadar gradualmente unha composición plenamente unificada e unha clara disposición en perspectiva. Froito desta necesidade foron as súas obras teóricas: Underweysung der messung mit dem Zirckel und richtschevt in Linien Ebnen und gantzen Corporen (Instrución da medida co compás e a escuadra en liñas, planos e corpos sólidos, 1525), Etliche Underricht zu Betestigung der Stett, Scloss und Flecken (Algunhas cousas referentes á fortificación dos castelos, cidades e lugares, 1527) e De simmetria partium in rectis formis humanorum corporum libri (Libros sobre a simetría das partes en formas rectas dos corpos humanos, 1528). Malia o interese e preocupación polo aspecto formal da obra, aparentemente permaneceu fiel á tradición gótica alemana, feito que non lle permitiu introducir cambios bruscos nin na temática nin na técnica. Por iso, a concepción renacentista da composición estivo acompañada dun grande interese polo detalle no acabado, propio do gótico. Alternou as series de gravado en madeira de gusto popular coas estampas cultas en cobre. Fronte aos gravados, a súa obra pictórica non acadou repercusión. Entre outras pinturas cómpre mencionar o Autorretrato (1500), o Altar Paumgärtner (1504) e os Dous músicos, que pertenceron ao altar Jabach. Entre os gravados en madeira destaca Apocalipse (1498) e, entre os realizados en cobre, A Gran Paixón (1498-1511), A Pequena Paixón (1509-1511), O cabaleiro, a morte e o demo (1513) e A Melancolía I (1514). Nos seus autorretratos e retratos -entre os que destacan, Retrato dun mozo (1500), Retrato de muller (1506-1507), Retrato de home xentil (1524)-, quixo captar a psicoloxía do personaxe nunha concepción do volume e da modelaxe italianizantes, influencia que aumentou nas súas grandes composicións A adoración dos magos (1504), Adoración da Santísima Trindade (1511) e Adán e Eva (1507). A súa última grande obra, Os catros apóstolos (1526?), representa a súa evolución artística.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Nuremberg

  • Deceso