Džugašvili, Josif Visarionovič

Džugašvili, Josif Visarionovič

Revolucionario e estadista xeorxiano, coñecido como Stalin. Fillo dunha familia proletaria, ingresou no seminario de Tbilisi cunha bolsa en 1894, pero foi expulsado pola súa militancia socialista en 1899. Nese ano adheriuse ao Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso e dedicouse á actividade revolucionaria clandestina entre os obreiros do Cáucaso e os empregados do ferrocarril. Detido no 1902, foi deportado a Siberia, pero fuxiu no 1904. Coñeceu a Lenin na Conferencia de Tampere (1905) e uniuse ao grupo bolxevique. Tralo fracaso da revolución de 1905 instalouse en Bakú e enfrontouse aos menxeviques polo control político da cidade. Asistiu á Conferencia de Estocolmo (1906) e, seguindo as suxestións de Lenin, ingresou no Comité Central do Partido (1912). Adoptou o nome de Stalin (aceiro) e no 1913 fundou o diario do partido Pravda, que tamén dirixiu. Pouco antes de ser desterrado a Siberia (1913-1917) redactou en Viena O marxismo e a cuestión nacional. Liberado, regresou a Petrogrado, pero tivo un papel secundario na insurrección de outubro de 1917. Nomeado comisario das Nacionalidades (1917-1922), sufocou os movementos nacionalistas das minorías non rusas, e foi membro do consello de defensa e inspector de diversas frontes durante a guerra civil. En abril de 1922 foi elixido secretario xeral do partido, malia a oposición de Trockij, cargo que lle permitiu controlar o aparato de organización e administración comunista; e, dende xaneiro de 1924, converteuse no xefe de estado soviético á morte de Lenin. Apoiouse en Gregorij Jevsejevič Zinov’ev e Lev Borisovič Kamenev contra Trockij, que se opuña ás súas concepcións político-económicas e que, tras unha campaña de descrédito, foi destituído como comisario de Guerra en xaneiro de 1925. Procedeu entón a eliminar os seus aliados, e logo de abandonar a vía internacionalista da revolución permanente, apoiada por Zinov’ev, Kamenev e Trockij, dirixiu un novo goberno colexiado con Icolaj Ivanovič Bukharin, Aleksej Ivanovič Rykov e Tomskij, e definiu unha nova vía, a do socialismo nun só país. Os tres disidentes foron expulsados do partido (1927) e no ano seguinte desfíxose dos seus colaboradores. Dende 1928 aplicou a nova vía e decretou o abandono da Nova Política Económica (NEP), a industrialización rápida, a colectivización forzosa da agricultura e a posta en marcha do primeiro plan quinquenal (1929), para o que sufocou con enerxía a resistencia campesiña e exaltou o sentimento nacionalista ruso. O asasinato de Sergej Kirov (1934) serviu a Stalin de pretexto para desencadear os procesos de Moscova (1936-1939), que liquidaron a vella garda bolxevique, entre os que se incluían Zinov’ev, Kamenev e Bukharin. A purga do PCUS provocou ao redor dun millón de execucións e afianzou a súa ditadura por riba do partido e do país (stalinismo). O exército, a única forza que gozaba de certa independencia, sufriu tamén unha severa purga que se iniciou en outubro de 1937. Malia o pacto xermano-soviético de non agresión (1939), que lle otorgaba á URSS importantes ganancias territoriais, as tropas alemanas invadiron a URSS en xuño de 1941. Durante a Segunda Guerra Mundial, concentrou todos os poderes nas súas mans e dirixiu persoalmente o esforzo militar e económico soviético, para o que se fixo nomear mariscal (1943) e xeneralísimo (1945). Participou nas conferencias de Teherán (1943), Jalta (1945) e Potsdam (1945), e obtivo unha vantaxosa repartición de zonas de influencia, feito que lle permitiu exportar a revolución socialista aos países da Europa Oriental. Durante os seus últimos anos sostivo a Guerra Fría, enfrontouse á disidencia de Tito e acelerou o avance económico e tecnolóxico ruso, mentres resumía as súas concepcións ideolóxicas en Problemas económicos do socialismo na URSS (1952). Ao mesmo tempo, levou a formas extremas o “culto á personalidade” e desencadeou novas purgas e execucións dentro do mundo comunista (complot dos médicos, 1953). A morte de Stalin abriu un proceso de crítica da súa política, e o XX Congreso do PCUS (1956) condenou os crimes e as desviacións, polo que se puxo en marcha unha “desestalinización” que afectou incluso ao cadáver do ditador, retirado do mausoleo de Lenin en 1961.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Gori

  • Deceso

    Lugar : Moscova