Ebro

Ebro

Río do NL da Península Ibérica, enmarcado pola cordilleira dos Pireneos, o Sistema Ibérico e as Cadeas Costeiras Catalanas. Nace en Reinosa, na Comunidad Autónoma de Cantabria, na serra de Peña Labra e desemboca despois dun percorrido de 910 km, cerca de Tortosa, onde comeza un delta que se interna 30 km no Mediterráneo. En Reinosa o seu caudal é de 11 m3/s e despois de recibir as achegas dos diferentes afluentes acada os 600 m3/s. Recolle auga da vertente S da Cordilleira Cantábrica e da maior parte dos Pireneos; sen embargo, son os relevos setentrionais os que lle dan ao Ebro a maior parte do seu caudal. Entre os principais afluentes destacan pola esquerda o Nela, o Ega, o Arga, o Gállego (ríos da Cordilleira Cantábrica) e o complexo Segre-Cinca (ríos dos Pireneos); pola dereita recibe o Tirón-Oja, o Najerilla, o Iregua, o Leza, o Cidacos, o Alhama e, finalmente, o longo Jalón. O Ebro presenta unha dirección case recta e só desvía o seu curso en La Lora e na travesía das Cadeas Costeiras Catalanas para adaptarse á estrutura do terreo. O seu curso encáixase en terras burgalesas ata a depresión de Villarcayo, e en Miranda de Ebro, ao seu paso polos montes Obarenes, para pasar despois por terreos miocénicos describindo amplos meandros. O seu réxime vén determinado polas precipitacións, pero sobre todo polas achegas fluviais e nivais do seu curso alto, xa que os afluentes procedentes do Sistema Ibérico son pouco importantes. O seu caudal máximo corresponde á primavera, ao coincidir coa época do desxeo. Na conca do Ebro cómpre subliñar a sequidade das terras máis planas e primordialmente agrícolas; a necesidade de regadío impulsou a creación de canais, como o Canal Imperial de Aragón (construído no s XVII), e encoros, como o de Flix e Mequinenza, que permitiron o aproveitamento das súas augas para a produción eléctrica e o seu uso agrícola.