Eccles, John Carew

Eccles, John Carew

Fisiólogo australiano. Estudiou medicina nas universidades de Melbourne e Oxford, na que obtivo o doutoramento en 1929. Foi profesor de fisioloxía na Universidade de Otago, na Universidade Nacional australiana en Camberra e na Universidade de Nova York. Investigou amplamente o mecanismo das actividades nerviosas, especialmente os fenómenos de excitación e inhibición do sistema nervioso central. Obtivo o primeiro rexistro da resposta eléctrica á excitación dunha célula nerviosa individualizada empregando microelectrodos intracelulares. Os seus estudios deron lugar ao recoñecemento dos niveis presináptico e postsináptico dentro do fenómeno de inhibición, e evidenciaron a intervención de axentes químicos farmacodinámicos na transmisión de impulsos ao longo do sistema nervioso central. En 1963 compartiu o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía con A. L. Hodgkin e A. F. Huxley polos seus descubrimentos sobre a electrofisioloxía da neurona. É autor, entre outras, de Neurophysiological Basis of Mind (A base neurofisiolóxica da mente, 1953), Physiology of Nerve Cells (Fisioloxía das células nerviosas, 1957), Inhibitory Pathways of the Central Nervous System (Vías inhibitorias do sistema central nervioso, 1969), The Understanding of the Brain (O entendemento do cerebro, 1973), Molecular Neurobiology of the Mammalian Brain (Neurobioloxía molecular do cerebro dos mamíferos, 1978) e The Human Psyche (A psique humana, 1980).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Melbourne

  • Deceso

    Lugar : Locarno