Ecequías

Ecequías

Rei de Xudá (727-699 a C). Durante o seu mandato, o reino estaba sometido ao Imperio Asirio, pois o seu pai e antecesor, o Rei Acaz, aceptara esa submisión. Cando Senaquerib sucedeu a Sargón II (705 a C), Ecequías deixoulles de pagar tributo aos asirios e adheriuse a unha coalición exipcia que loitaba na súa contra. En represalia os exércitos de Senaquerib emprenderon unha expedición contra os pobos palestinos rebeldes (filisteos, moabitas, xudeus, etc). No 701 a C, despois do sitio de Xerusalén, Ecequías, derrotado, aceptou finalmente a dominación asiria. Acometeu durante o seu reinado unha gran reforma relixiosa de acordo cos consellos do profeta Isaías e tentou restaurar o culto a Iavé, moi debilitado pola irrupción de costumes pagáns entre os xudeus. Na iconografía represéntase ataviado con vestiduras orientais, con manto breve abrochado ao peito e bonete ou gorro frixio. A súa festividade celébrase o 28 de agosto.