Eco de Puentecaldelas, El
Publicación semanal que apareceu en Pontecaldelas en 1910. Subtitulouse “Semanario independiente” e cesou o 31 de maio de 1914. De tendencia agrarista na súa primeira etapa (anos 1911 e 1912), foi voceiro caciquil na segunda. Exerceu como director Segundo Fernández Orge. Publicaba abundante literatura en castelán, especialmente poesía de autores como Valle-Inclán. Na sección “Lira gallega” reproducíronse poemas en galego de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Valentín Lamas Carvajal, Gonzalo López Abente, Aureliano X. Pereira, Fortunato Cruces, Xosé Rey González, Francisco Cabo Pastor ou Xosé Posada Rodríguez. Do mesmo xeito, publicáronse contos de autores como M. Lugrís Freire e outros asinados con pseudónimos como Chuco de Canedo, Fray Amadeo, El Cantor del Catadoiro, O Mensaxeiro das Montañas ou Xan de Ningures.