ecoloxismo
(
Movemento social progresista que actúa en favor dunha transformación radical do modelo de desenvolvemento, para garantir de forma equitativa a satisfacción das necesidades básicas das xeracións actuais, sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para garantiren as súas. O movemento ecoloxista posúe unha dobre dimensión. É un movemento socio-político e, ao mesmo tempo, socio-cultural. Trátase dun movemento socio-político na medida en que procura influír no proceso de toma de decisións do poder político. As organizacións ecoloxistas son apartidarias, independentes dos partidos, mais non apolíticas, aínda que algúns partidos verdes asumen en gran medida o pensamento ecoloxista. Tamén é un movemento socio-cultural que difunde valores, crenzas, actitudes e cosmovisións contraditorias coas hexemónicas da sociedade actual. Tenta estender estilos de vida cotiá compatibles coa sustentabilidade e a equidade. Procura crear e profundizar a conciencia ecolóxica da sociedade civil, en particular da organizada, o que acaba repercutindo na práctica dos partidos políticos e dos gobernantes. O ecoloxismo ten dous precedentes no s XIX: o ambientalismo obreiro, preocupado polas condicións de hixiene, saúde e vivenda nos barrios obreiros das cidades industriais, e o conservacionismo, preocupado por preservar os espacios naturais que aínda non se eliminaran en Norteamérica. O segundo constituíu un movemento ético que tivo como máximos representantes a R. W. Emerson, H. D. Thoreau e J. Muir, e que se desenvolveu antes en EE UU que en Europa debido, fundamentalmente, á rapidísima degradación ecolóxica que sufriron os espacios naturais americanos e que resultou evidente cando algunhas especies extremadamente abundantes foran exterminadas ou levadas ao límite da extinción en moi poucos anos -caso da pomba e do bisonte americanos-. Esta nova conciencia, fundamentada na premisa de que a conservación era independente de todo tipo de utilidade práctica para o ser humano, tivo como resultado a creación da rede estadounidense de parques nacionais. Un persoeiro clave foi John Muir, quen fundou o Sierra Club en 1892. Máis tarde, esta visión romántica deu paso a un enfoque máis utilitario no que se pretendía unha utilización racional dos recursos naturais. Esta nova filosofía tivo como ideólogo o enxeñeiro forestal G. Pinchot, fundador do servizo forestal dos EE UU, e pretendía unha distribución equitativa dos recursos entre os consumidores presentes e futuros, e un incremento da eficiencia de extracción para evitar estragos. Un punto de conflito coa escola anterior foi o tema da explotación dos recursos forestais dos parques nacionais. Este novo enfoque prevaleceu durante unha boa parte do s XX e a conservación gobernamental da natureza norteamericana tivo como obxectivos principais a produción de madeira e o incremento da produtividade cinexética e piscícola. A mediados do s XX xurdiu unha nova ética evolutiva-ecolóxica, principalmente ba-seada na obra póstuma A Sand County Almanac (1949), do enxeñeiro de montes Aldo Leopold, que tivo grande influencia nos movementos ecoloxistas modernos. Este discípulo de G. Pinchot chegou á conclusión, logo da propia experiencia na súa vida profesional, de que o proposto por aquel non era cientificamente aceptable ao comprender mellor a interdependencia ecolóxica entre os compoñentes dun ecosistema. Por outra banda, en 1937 publicouse por vez primeira o Journal of Wildlife Management, que se ocupa de reflectir as necesidades crecentes dos ámbitos académicos norteamericanos dunha ciencia da conservación. O ecoloxismo contemporáneo non aparece ata as décadas de 1960 e 1970, cando resultou evidente a degradación dos ecosistemas naturais e do ambiente en xeral. Unha obra moi importante na toma de conciencia con respecto a este tema foi Silent Spring (Primavera silenciosa, 1962), da bióloga Rachel Carson, na que se analizaban as consecuencias e perigos do uso de praguicidas. Os primeiros grupos ecoloxistas que apareceron foron: en 1968, Amigos da Terra (Ecology Action), fundado en 1968 na Universidade de Berkeley por Cliff Humphrey; e Greenpeace, fundada en 1971. Na India xurdiu nos primeiros anos da década de 1970 o movemento Chipko, encabezado por Mira e Sarala Behn, discípulas de Mahatma Gandhi, que emprende accións, principalmente en defensa dos bosques. En 1972 tiveron lugar dous feitos cruciais que provocaron a aparición de multitude de grupos ecoloxistas en todo o mundo: o primeiro informe do Club de Roma, Limits to Growth (Límites ao medre), que logo empregaron diversos países europeos no establecemento da súas políticas medioambientais e a primeira Conferencia Mundial sobre o Medio Ambiente, organizada pola ONU, na que se crea o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). En España apareceu en 1970 AEORMA (Asociación para la ordenación del territorio y el medio ambiente) que desapareceu aos poucos anos. Entre 1971 e 1972 naceron varios grupos naturalistas como ASCAN en Gran Canaria, ATAN en Tenerife, ANAM en Navarra, e ANA en Asturias. En 1973 o GOB en Illes Balears, e en 1974 ADEGA e a Sociedade Galega de Historia Natural en Galicia. En 1976 fundouse en Madrid AEPDEN, do que procede o núcleo inicial de AEDENAT. En 1976 creáronse DEPANA, en Catalunya, e a Comisión de Defensa por una Costa Vasca No Nuclear. En 1978 formouse en Daimiel a CODA, primeira coordinadora estatal. Na década de 1980 xurdiron EGUZKI e EKI en Euskadi, Acció Ecologista-Agró no País Valenciá, ERA en La Rioja, ANSAR en Aragón e ANAT-LANE. En 1983 fundouse en Galicia o grupo Erva e en 1985 xurdiu a Federación Ecoloxista Galega. Nos últimos anos do s XX creouse unha gran confederación de ámbito estatal, froito da unificación de máis de 300 grupos ecoloxistas denominada Ecologistas en Acción.