ecoloxía
(< 1 eco- + -loxía)
Disciplina científica que trata das relacións entre os organismos e o seu ambiente pasado, presente e futuro. Esas relacións inclúen as respostas ecofisiolóxicas dos individuos, a estrutura e dinámica das poboacións, a organización biolóxica das comunidades, e o fluxo de enerxía e materiais nos ecosistemas a diferentes escalas dende a local á global. Aínda que as relacións entre os seres vivos e o medio xa foran tratadas por autores clásicos como Teofrasto, Aristóteles e Plinio, e tamén polos grandes naturalistas dos ss XIX e XX como o conde de Buffon, Carl von Linneo, Charles Darwin e Alfred R. Wallace, non foi ata 1869 que Ernst Haeckel creou o termo ecoloxía que definiu como “o conxunto de coñecementos referentes á economía da natureza, a investigación de todas as relacións do animal tanto no seu medio inorgánico como orgánico, incluíndo sobre todo a súa relación amigable ou hostil con aqueles animais e plantas cos que se relaciona directa ou indirectamente. A ecoloxía pode definirse, entón, como o estudo de todas as complexas interrelacións ás que Charles Darwin se refería como as condicións da loita pola existencia. A ciencia da ecoloxía, a miúdo considerada equivocadamente como bioloxía nun sentido restrinxido, constitúe dende hai tempo a esencia do que xeralmente se denomina Historia Natural”. O concepto seguiu prosperando e en 1887, Stephen Forbes publicou o seu libro O lago como microcosmos no que por primeira vez se refire a un ecosistema como un tipo de organismo complexo; en 1942, Lindemann presenta un esquema do fluxo de enerxía no interior do ecosistema; e en 1905, Frederic Clements e Victor Shelford publican Métodos de investigación en ecoloxía, primeira obra en tratar a ecoloxía con experimentos de campo. Os dous grandes tratados de ecoloxía xeral son Fundamentos de ecoloxía (1953), de Eugene Odum, e Elementos de ecoloxía (1954), de George Clarke. A ecoloxía pódese dividir nas seguintes disciplinas: autoecoloxía ou ecoloxía do individuo, que estudia o hábitat e os efectos e reaccións que produce sobre un organismo, é dicir, a complexa interacción dos organismos co seu medio físico; a ecoloxía de poboacións ou demoecoloxía, que se ocupa das relacións que os individuos establecen entre si, e co seu propio contorno, cando se agrupan en poboacións; a sinecoloxía ou ecoloxía das comunidades e ecosistemas, que se encarga da interacción das poboacións entre si e co medio que ocupan (dinámica e evolución das comunidades); a ecoloxía cultural, que estudia os modos en que o home se relaciona co ambiente e o modo en que as actividades humanas afectan a este, e que ademais intenta explicar a orixe dos trazos culturais propios e as formas que caracterizan as distintas zonas; a ecoloxía sociolóxica, centrada no estudo das relacións do home co medio xeográfico, que centra a sua atención de modo especial nas relacións humanas que se desenvolven na acción dunha poboación fronte ao seu medio urbano e nos tipos de axuste social ao medio xeográfico ou urbano; e a ecoloxía humana que estudia o desenvolvemento e a organización das relacións funcionais das comunidades humanas no seu proceso de adaptación ao medio. O termo introduciuno Robert Park en 1921. No seu desenvolvemento destacou o traballo da escola de ecoloxía humana de Chicago. As análises centráronse, fundamentalmente, no fenómeno da urbanización e a súa influencia na actividade humana. Ernest Burgess, Horner Hoyt e Roderick McKenzie foron os máximos expoñentes desta escola.