ecuación

ecuación

(

  1. [MAT]
    1. s f

      Igualdade entre dúas expresións matemáticas que conteñen algunha variable. Os valores que resolven unha ecuación son as súas solucións ou raíces. A forma xeral da ecuación de grao n é a 0 +a 1 x+a 2 x 2 +...+a n x n =0. O grao do polinomio é o grao da ecuación, e a 0 ,a 1 ...a n son os seus coeficientes. O teorema fundamental da álxebra garante que, dada unha ecuación de calquera grao con coeficientes reais ou complexos, cúmprese que polo menos unha das súas solucións é complexa ou, en particular, real. As ecuacións de grao 1, 2, 3 e 4 resólvense con fórmulas que dan as solucións en función dos coeficientes. Para as ecuacións de grao superior non hai ningunha fórmula que dea, por medio dunha expresión alxébrica dos coeficientes, a solución das ecuacións. Unha ecuación alxébrica P(x)=0 ou de grao n ten, como máximo, n raíces reais. Se x 1 é unha destas raíces, o polinomio P(x) pode descompoñerse en factores, un dos cales é x-x 1 . Para a resolución numérica de ecuacións empréganse a miúdo métodos como a regula falsi, o método de Newton e as substitucións decimais.

    2. ecuación diferencial

      Ecuación funcional (no sentido en que as incógnitas son funcións), onde aparecen as derivadas da función incógnita. Se a función é dunha soa variable e está sometida tan só a operacións alxébricas, a ecuación é unha ecuación diferencial ordinaria. O tipo xeral de ecuación diferencial escríbese F(t,x,x’,...,x (n) ). Defínese a orde dunha ecuación diferencial como o da máxima derivada que aparece na ecuación. Se F ten forma polinómica, fálase de grao da ecuación diferencial como o do polinomio. O problema de buscar todas as solucións dunha ecuación diferencial resólvese, a miúdo, só en casos particulares. Por iso é interesante o estudo das propiedades das solucións sen telas explicitamente (sistemas dinámicos, teoría xeométrica, etc). Tamén acostuman impoñerse condicións ás solucións (condicións iniciais, condicións de fronteira).

    3. ecuación funcional

      Relación imposta a unha función. Tal relación define unha función ou familia de funcións que satisfán aquela relación.

    4. ecuación trigonométrica

      Ecuación que contén expresións trigonométricas.

    5. sistema de ecuacións

      Conxunto de ecuacións que deben de ser resoltas por un mesmo conxunto de valores das variables. Se as ecuacións do sistema son todas do primeiro grao (sistemas lineais), a discusión e a resolución obtéñense polo teorema de Rouche-Frobenius e a regra de Cramer.

  2. s f [QUÍM]

    Representación, mediante símbolos químicos, dos cambios dos átomos e das moléculas dos elementos que interveñen nunha reacción química. O primeiro membro da ecuación representa as substancias que entran en reacción, chamadas reactantes, e o segundo, os produtos da reacción; os dous membros están separados por unha frecha (→) se a reacción é irreversible, ou por dúas frechas (S) se a reacción é reversible. Cada un dos compoñentes da ecuación vai acompañado dun coeficiente estequiométrico que fixa a proporción na que os compoñentes entran na reacción como, por exemplo N 2 +3H 2 S2NH 3 .

  3. [ASTRON]
    1. s f

      Corrección ou cantidade que cómpre ter en conta ao relacionar a posición dun astro coa que tería se posuíse un movemento uniforme.

    2. ecuación anual

      Perturbacións observables nalgúns elementos da órbita da Lúa e que se reproducen no período dun ano. A orixe destas perturbacións é a variación que se produce ao longo do ano na distancia que separa o Sol da Terra. Foi descuberta por Tycho Brahe.

    3. ecuación do centro

      Diferencia entre a anomalía verdadeira do Sol e a súa anomalía media. A ecuación do centro é, xa que logo, a corrección que hai que facer na lonxitude λ m do Sol ficticio para obter a lonxitude λ 0 do centro do Sol verdadeiro. Se se suma a ecuación do centro co valor da redución, no ecuador, obtense a ecuación do tempo.

    4. ecuación do tempo

      Diferencia entre o tempo verdadeiro e o tempo medio. Esta ecuación varía ao longo do ano entre os dous valores máximos, que teñen lugar o 12 de febreiro (máximo valor positivo 14 m 23 s) e o 4 de novembro (mínimo valor negativo -16 m 22 s), e anúlase catro veces ao ano, o 16 de abril, o 14 de xuño, o 2 de setembro e o 26 de decembro.

    5. ecuación persoal

      Corrección que cómpre facer ás observacións ou medidas de precisión efectuadas por un observador e que son distintas para distintos observadores.

  4. ecuación de campo [FÍS]

    Unha das complexas ecuacións empregadas para describir os contornos dos campos gravitatorios e doutras forzas na dimensión espacio-tempo.

Palabras veciñas

ECU | ecuabilidade | ecuable | ecuación | ecuador | Ecuador | Ecuador