Edicións Monterrey
Edicións Monterrey
Empresa editorial establecida en Vigo en 1950 a partir da librería do mesmo nome. Fundada por Luis Viñas Cortegoso e Xosé Mª Álvarez Blázquez, caracterizábase pola produción de libros de bibliófilo en castelán ou galego, con tiraxes moi limitadas e presentación moi coidada. O primeiro libro que tiraron do prelo foi Roseira do teu mencer (1950), con poemas de Xosé Mª Álvarez Blázquez. Dividiu as súas obras en tres coleccións “Beatus Iacobus”, con textos raros, xeralmente apoloxéticos, “Leixado do vento”, con textos poéticos e dramáticos en galego, e “Frol e froito”, con prosa orixinal en galego.