Edicións Xerais de Galicia
Empresa editorial fundada por Xulián Maure Rivas e Germán Sánchez Ruipérez en Vigo no mes de outubro de 1979. Dedicada á edición de libros en lingua galega, pertence ao Grupo Anaya. Naceu coa vontade de abranguer todos os campos da comunicación impresa e para contribuír á normalización da lingua en Galicia. En 1980 creáronse as tres primeiras coleccións “Montes e Fontes”, “Ventobranco” e “Fonteliña”. A partir de 1981 comezou a edición de libros de texto para EXB. Nese mesmo ano incorporouse Luís Mariño Pampín á dirección editorial. O lanzamento dos libros de Bacharelato produciuse en 1982, coincidindo coa presentación de dúas novas coleccións “Extramuros”, para a edición de libros en castelán e “Arroás”, na que se incluíron libros ilustrados. Ao ano seguinte creáronse tres novas coleccións “Xabarín”, para a publicación de literatura xuvenil en galego, “Narrativa” e “Xerais Universitaria”. En 1984 convocouse a primeira edición do Premio Xerais de Novela, e resultou gañador Carlos G. Reigosa coa obra Crime en Compostela. Despois dun acordo coa Nova Escola Galega, Edicións Xerais tirou do prelo en 1986 a Revista Galega de Educación, unha publicación profesional dirixida aos educadores no ámbito da galeguización educativa. Nese mesmo ano convocouse a primeira edición do Premio Merlín de Literatura para Nenos, e resultou gañadora a obra O ano do cometa, escrita por Xoán Bernárdez Vilar. En 1987 naceron as coleccións “Extramuros Narrativa”, “Poesía completa” e “Libros do Centro Dramático”. A partir do verán de 1988 iniciouse unha nova etapa coa chegada á dirección editorial de Víctor F. Freixanes, que coincidiu coa aparición da “Biblioteca das Letras Galegas”, na que se inclúen edicións de clásicos, e “Merlín”, dirixida ao público infantil. En 1989 comezou unha diversificación do catálogo da editorial e creáronse as coleccións “Grandes do noso tempo”, na que se editan traducións de autores contemporáneos, “Crónica”, coa que se pretende recuperar a memoria histórica de Galicia, “Montes e Fontes”, na que se inclúen guías de natureza, e “Fotobiografías”. Ao ano seguinte accedeu á dirección editorial Manuel Bragado e principiou a colección “Pequeno Merlín”, dedicada aos máis pequenos. En 1994 lanzáronse as coleccións “Fóra de xogo”, dirixida ao público xuvenil, e “Gran Merlín”, nos que se inclúen textos da literatura de tradición oral galega. Ao ano seguinte principiou a colección de peto “Ferros” e en 1996 a colección de poesía “Ablativo Absoluto”. Dende a súa fundación, conta con máis de cinco millóns e medio de libros vendidos, correspondentes a máis de 1.300 títulos editados en galego, castelán, portugués e inglés.