edil -la

edil -la

(< lat aedīle)

  1. s m [HIST]

    Maxistratura dobre da plebe romana constituída no 494 a C coa finalidade de prestar axuda aos tribunos da plebe. Orixinariamente, foron os gardiáns ou sacerdotes do santuario da plebe romana, o templo de Ceres. Entre as súas funcións están a conservación dos arquivos e a vixilancia dos resultados nos plebiscitos. Ao principio, os edís elixíaos directamente o pobo para un mandato dun ano, pero a partir do 367 a C perderon o seu carácter popular co nomeamento dos patricios para o cargo de edil curul. As súas funcións ampliáronse e ocupáronse da organización dos xogos e espectáculos durante as festas nacionais, da inspección dos mercados controlando os pesos e as medidas, e das funcións de vixilancia (policía e bombeiros) e mantemento urbanos. No 44 a C, Xulio César creou os edís cereais, encargados especialmente das provisións, pero durante o Imperio perderon a maior parte das súas funcións en favor dos pretores, cuestores e prefectos da cidade. No Baixo Imperio a maxistratura entrou en crise pola decadencia urbana e suprimiuse en tempos do Emperador Alexandre Severo.

  2. s

    Membro dunha corporación municipal. OBS: Normalmente, úsase a forma masculina edil para designar o feminino.

    Ex: A edil máis nova da corporación leu o pregón das festas patronais. En 1979 saíu elixida a primeira edila da historia do concello.

Palabras veciñas

edificante | edificar | edificio | edil -la | edilicio -cia | edilidade | Edimburgo