Edimburgo
Capital de Escocia, Reino Unido, na marxe dereita da desembocadura do río Forth (450.200 h [estim 1998]). A cidade segue a ser un dos eixes financeiros, culturais e industriais de Escocia. Entre os principais produtos que se elaboran na cidade destacan o papel, os equipos electrónicos e eléctricos, e os produtos químicos. O seu porto presta un importante servizo aos barcos relacionados coa industria do petróleo que proceden do mar do Norte. Tamén é un destacado centro turístico. A cidade nova, trazada no s XVIII, esténdese ao L cara ao mar. A expansión urbana de Edimburgo -a poboación cuadriplicouse durante o s XIX- orixinou a anexión de diferentes núcleos suburbanos. Ten universidade, fundada no ano 1583. Ocupada polos romanos no s I, adoptou o seu nome (Edwinsburgh) do Rei Edwin de Northumbria no s VII. Foi conquistada polos escotos durante o reinado de Kenneth II e desde finais do s XI converteuse na residencia dos reis de Escocia. Experimentou unha grande expansión no s XII, polo que David I lle concedeu a primeira carta e Robert Bruce lle outorgou o título de cidade. No ano 1437, durante o reinado de Xacobe II, converteuse na capital oficial de Escocia, substituíndo a Perth, e estableceuse nela a sede do Parlamento. Adquiriu un grande impulso baixo a influencia de John Knox, e converteuse nun centro de oposición aos Estuardo. Dende 1603 perdeu a condición de residencia real e sufriu o asedio de Cromwell durante o intento de sublevación realista que a ocupou en 1650. Pola Union Act (1707), Escocia perdeu o Parlamento e a cidade, sede da capitalidade, iniciou unha etapa de decadencia que se prolongou ata mediados do s XVIII. No s XIX foi superada polo centro industrial de Glasgow, pero conservou a capitalidade de Escocia. Do seu patrimonio destaca o castelo, construído sobre o outeiro de Castle Rock. No seu interior destaca a capela de Saint Margaret, a construción máis antiga da cidade (s XII). O castelo conecta co palacio de Holyroodhouse pola denominada Royal Mile. Consérvase unha construción do s XVII que foi unha residencia real fundada cara ao 1500. Dentro da cidade vella destacan tamén a catedral de Saint Giles (s XV); a Parliament House, sede do parlamento escocés ata 1707, convertida en sede da xudicatura; e a casa de John Knox (s XVI). Dende 1947 celébrase na cidade o Edinburgh International Festival. Entre as institucións culturais da cidade cómpre salientar, entre outras, a National Library of Scotland, o Royal Botanic Garden, o Royal Observatory, a National Gallery of Scotland, a Scotish National Portrait Gallery e o City Art Centre. A UNESCO declarou Patrimonio da Humanidade as cidades vella e nova en 1995.