Edirne

Edirne

Capital do il homónimo, na rexión da Tracia, Turquía, na marxe dereita do río Meric (115.083 h [1997]). Situada no centro dunha chaira moi fértil, preto da fronteira con Bulgaria, é un destacado mercado de froitas e doutros produtos agrícolas. No que se refire á industria, os principais sectores son o téxtil (coiro e la) e o alimentario. Fundada polo Emperador Adriano, durante o Imperio Bizantino enfrontouse aos godos e aos búlgaros. No 1205 someteuse á soberanía veneciana e permaneceu no seu poder ata que o sultán turco Murat I a conquistou (1361). Baixo o poder dos turcos otomanos desenvolveuse como o principal centro administrativo e económico das provincias europeas. A decadencia do Imperio Turco permitiu a súa ocupación polos búlgaros na Primeira Guerra Balcánica (1912). Volveu a mans dos turcos (1913), pero os gregos conquistárona en 1920. Retornou definitivamente a Turquía no 1922. Do seu patrimonio cultural cómpre salientar a mesquita otomana de Sélim II, chamada Selimiye (s XVI) e o palacio de Eski Saray, construído polo sultán Baiaceto I.