Dámaso I, san

Dámaso I, san

Papa (366-384). Foi secretario dos pontífices san Fiz e san Liberio. Trala morte deste, foi elixido papa por unha parte do clero romano, pero outra facción descontenta rebelouse en contra del e opúxolle o antipapa Ursino. Co apoio imperial reivindicou os seus dereitos, ata que o seu rival foi desterrado por orde de Valentiniano. O cisma desaparecería, finalmente, con Teodosio I. Redactou e gravou epitafios con poemas (damasianos) nos sepulcros de moitos mártires romanos. Convocou o Concilio Ecuménico de Constantinopla (381) e condenou o apolinarismo e o macedonianismo. Encargoulle a san Xerome a revisión da antiga versión latina das Sagradas Escrituras, a Vulgata, que foi empregada pola Igrexa católica durante case quince séculos. Na iconografía represéntase con hábitos pontificais, casula ancha e palio (ou tiara papal), e leva como atributos unha maqueta de igrexa (por restaurar a basílica de San Lourenzo), unha lira (símbolo da súa afección literaria), unha Biblia coa inscrición “Vulgata” e un anel cun diamante. A súa festividade celébrase o 11 de decembro.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Gallaecia