EFE
Axencia de noticias que se formou a partir do Centro de Corresponsales, a primeira axencia informativa de España, que apareceu en 1865. Promovida por Nilo María Fabra, en 1870 asinou un acordo coa axencia francesa Havas para a distribución de novas internacionais en España. Trala constitución da axencia Fabra en 1919, vinte anos despois fundouse a axencia EFE tal e como se coñece modernamente. En 1965 abriu a súa primeira delegación americana en Bos Aires. Oito anos despois converteuse no vehículo de integración centroamericana coa creación da axencia ACAN, na que participaban os medios de comunicación máis destacados da rexión. A partir de 1989 comezou as súas emisións vía satélite coa plataforma Intelsat e a principios do ano 2001 lanzou en Brasil un novo servizo internacional en portugués. Como axencia líder nos países de fala hispana, conta con máis de 1.000 xornalistas e 2.000 correspondentes e colaboradores espallados por todo o mundo. Transmite a súa información desde 170 cidades en máis de cen países. Produce máis dun millón de noticias anualmente, 100.000 fotografías de actualidade, 3.000 reportaxes, 25.000 crónicas de radio e 4.000 noticias de vídeo. Nas súas bases de datos conta con máis de 5 millóns de documentos dos últimos trece anos, 13 millóns de instantáneas arquivadas, e servicios informativos internacionais en castelán, inglés, árabe e portugués. Distribúe a súa información a máis de 400 diarios e máis de 100 revistas de España e América, ás cadeas de radio máis destacadas do mundo hispano, a 86 canles televisivas de América e a todas as canles españolas, e a máis de 1.200 portais e sitios web na Internet. En cifras globais, máis de 100 millóns de persoas reciben en España e América información de EFE. En Galicia, xunto coa Axencia Galega de Noticias (AGN) e Europa Press, constitúe o principal provedor de información dos medios de comunicación galegos. Conta cunha delegación principal en Santiago de Compostela e con correspondentes nas principais cidades de Galicia.