efecto

efecto

(< lat effectu)

    1. s m

      Cousa producida por unha causa.

      Ex: O efecto desas medidas económicas foi desastroso.

    2. s m [FILOS]

      Resultado da acción dunha causa. Segundo a teoría analítica da causalidade, o resultado da causa está contido na propia causa e garda unha proporción con ela. Fronte a esta liña de pensamento, autores como N. Malebranche, G. W. Leibniz, D. Hume e máis tarde J. Stuart Mill, defenderon que, malia a súa conexión, non existía unha inclusión do efecto na causa.

    3. efecto colateral [MED]

      Efecto que acompaña a acción principal dun medicamento. Ás veces aprovéitase o efecto colateral como efecto principal.

    4. efecto de entalla [IND]

      Aumento localizado de tensións internas, provocado polos cambios súbitos de sección transversal dunha peza metálica.

    5. efecto de escala / [FÍS/TECNOL]

      Influencia da variación das dimensións dun corpo sobre os coeficientes adimensionais que se determina na aplicación da teoría de modelos.

    6. efecto de expulsión [IND]

      Tendencia á migración das escouras, inclusións e outras partículas insolubles da ferrita nun lingote de aceiro.

    7. efecto de posición [XEN]

      Diferencia de efecto do conxunto de dous ou máis xenes segundo as súas posicións relativas nos cromosomas.

    8. efecto de urdido/trama TÉXT [TÉXT]

      Debuxo producido na roupa polos ganduxos do urdido ou da trama.

    9. efecto do solo [AERON]

      Influencia que ten a proximidade do solo sobre o valor da resistencia inducida dunha ala. Toda ala de envergadura finita provoca a deflexión das liñas de fluxo que se dan no caso de fluxo bidimensional (envergadura infinita). A proximidade do solo diminúe esta deflexión achegando as liñas de corrente de fluxo ás do caso bidimensional.

    10. efecto endurecedor [IND]

      Aumento de dureza que experimenta un metal ao sometelo a unha deformación permanente ou a un tratamento térmico determinado.

    11. efecto fundador [XEN]

      Presencia de moitos individuos, dentro da mesma poboación, que teñen o mesmo cromosoma ou a mesma rexión dun cromosoma procedente dun antecesor común.

    12. efecto secundario [MED]

      Acción non desexable, a miúdo nociva, producida por un medicamento.

    1. s m

      Situación á que dá lugar unha determinada acción, sexa esta intencionada ou non.

      Ex: Como está caducado, este medicamento xa non ten efecto. O cancro é un dos efectos do tabaco.

    2. efecto renda [ECON]

      ariación na renda do consumidor causada pola modificación no prezo dun ben, que reducirá ou aumentará a renda real do consumidor; así, a baixada do prezo do artigo aumentará a renda real do consumidor.

    3. efecto substitución [ECON]

      ariación na demanda dun ben debido á modificación no seu prezo, manténdose, aínda así, o nivel de renda dos consumidores. O consumidor substitúe os bens que non varían de prezo por aqueles que o diminuíron.

  1. s m

    Impresión que causa algunha cousa sobre o ánimo.

    Ex: As súas contestacións causan moi mal efecto. O seu novo disco produciu moi bo efecto entre os asistentes.

    1. s m

      Técnica empregada nalgúns espectáculos ou obras de arte co fin de producir certa impresión no espectador.

    2. efecto de luz [ARTE]

      Impresión da acción da luz nunha pintura que contrasta e se combina coas outras tintas da pintura.

    3. efecto escénico [ESPECT]

      Acción e resultado de introducir no curso da acción dramática elementos diversos co obxectivo de provocar un impacto visual, sonoro e emocional no espectador, que vai acompañado de sorpresa, asombro, estupefacción, medo, pánico, entusiasmo ou admiración. Os efectos escénicos xa se remontan a Grecia, coa aparición do deus ex machina e colleron verdadeira importancia nos dramas litúrxicos, misterios e moralidades medievais, que se caracterizaban pola aparición de anxos ou demos e por presentar escenas bíblicas ou estampas do inferno. Coa chegada do teatro burgués e co pleno desenvolvemento da tecnoloxía teatral, os efectos escénicos puxéronse ao servicio das diferentes estéticas teatrais, desenvolvendo unha considerable cantidade de recursos, como os efectos especiais, cos que reproducir calquera tipo de ambiente ou realidade, ou os efectos sonoros e visuais, moi relacionados co progresivo desenvolvemento das novas tecnoloxías. Entre os efectos escénicos máis peculiares está o denominado efecto V, derivado do concepto de verfremdungseffeckt, ou distanciamento, e que implica toda unha teoría da interpretación, da dramaturxia, da escenificación e da dirección de escena que persegue o contrario do efecto de realidade, pois fronte á ilusión escénica, a reprodución exacta da realidade e a identificación do espectador cos personaxes e conflitos presentes na trama, o efecto V procura a ruptura da convención teatral e a dimensión teatral do espectáculo.

    4. efectos especiais [IMAX]

      Procedementos empregados no cine ou na televisión, xeralmente de carácter acústico e visual, destinados a reforzar a creación dun ambiente ou a condicionar a visión do espectador. Estas técnicas comezaron no cine a principios do s XX co director Georges Meliés, quen introduciu nas súas producións pequenos elementos que eran o resultado de montaxes cinematográficas, tamén chamados trucos. A partir deste momento as películas comezaron a introducir máis recursos fílmicos que utilizaban a tecnoloxía para crear novos efectos. Unha das primeiras en empregar estes recursos foi a película King Kong (1933) e, anos máis tarde, tamén destacou polo seu carácter novidoso no tratamento deste tipo de efectos 2001: A Space Odyssey (2001: Unha odisea no espacio, 1968). A consolidación dos efectos especiais no cine chegou na década dos noventa e nos primeiros anos do s XXI, xa que se conseguiron facer películas enteiras mediante o deseño por ordenador, como Matrix (1999) ou Star Wars. Episode II (2002). Os efectos especiais pódense clasificar en tres tipos fundamentais: os efectos especiais de toma de planos, que son os que se realizan durante a rodaxe utilizando dobres ou distintos artefactos; os efectos de laboratorio, que son os que se lle incorporan ao filme co ordenador despois da rodaxe; e os efectos mixtos, que son os que unen os dous tipos de efectos anteriores. Os avances tecnolóxicos influíron moito na evolución destas técnicas, como as animacións en 3D, que permiten introducir nunha imaxe real un elemento en movemento creado por ordenador.

    1. s m

      Fenómeno físico ou químico que xeralmente vai acompañado do nome do descubridor.

      Ex: Efecto Clayden. Efecto de Bohr.

    2. efecto fotoeléctrico FIS [FÍS]

      Fenómeno que consiste na liberación de electróns dunha substancia exposta á luz ou, en xeral, a unha radiación electromagnética. Isto sucede porque os fotóns, ao impactaren sobre a substancia, comunícanlles aos electróns a súa enerxía; se esta é suficientemente elevada, os electróns excitados poden escapar da superficie irradiada. Descuberto por H. Hertz en 1887 e investigado por W. Hallwachs en 1888, foi interpretado por primeira vez en 1905 por A. Einstein mediante a súa ecuación sobre a enerxía asociada ao fotoelectrón, denominada ecuación de Einstein. A enerxía dos electróns emitidos, denominados fotoelectróns, depende da enerxía da radiación incidente e non da súa intensidade. O efecto fotoeléctrico pode ser de distintos tipos: o externo, chamado tamén fotoemisión ou emisión fotoelectrónica; o interno, chamado tamén fotocondución; e o efecto fotovoltaico.

    3. efecto fotovoltaico [FÍS]

      Efecto fotoeléctrico caracterizado pola produción dunha forza electromotriz entre dúas pezas de material diferente que están en contacto e expostas á luz ou, en xeral, a unha forza electromagnética. Este efecto é notable entre un metal e un semicondutor, e especialmente nunha unión pn de semicondutor como o silicio, e constitúe o principio das células fotovoltaicas.

    4. efecto invernadoiro

      Proceso que mantén a Terra quente e posibilita a existencia de vida no planeta. Recibe este nome porque na atmosfera se identifican gases como o metano, o óxido nitroso e o dióxido de carbono que actúan coma un invernadoiro: permiten o paso dos raios solares e impiden que certa cantidade deles regrese ao espacio. A actividade antrópica da sociedade industrial incrementou exponencialmente a concentración na atmosfera destes gases dende o s XIX, debido á combustión de hidrocarburos para usos industriais e de transporte, de xeito que as consecuencias deste proceso se agravaron nunha proporción semellante.

    5. efecto piezoeléctrico [FÍS]

      Fenómeno característico de certos cristais, que consiste na aparición de cargas eléctricas ou dunha diferenza de potencial entre as súas caras opostas, por efecto dunha deformación debida á aplicación dunha forza mecánica ou dunha vibración.

    1. s m [DER]

      Consecuencia á que se lle atribúe un valor xurídico. As nocións de validez e de efecto xurídico non van sempre xuntas e un acto pode ser válido pero sen ningún efecto ou ao contrario.

    2. efecto devolutivo

      Efecto que ten un recurso cando lle atribúe ao tribunal superior o coñecemento da resolución impugnada para que o resolva, sen prexuízo de que o inferior execute a resolución recorrida.

    3. efecto retroactivo

      Efecto polo que se produce a submisión a unha nova lei dunha situación existente con anterioridade a que a lei fose promulgada. Xeralmente, todas as lexislacións teñen unha declaración xeral de irretroactividade. Aínda así, o dereito penal admite a retroactividade só cando lle é favorable ao reo.

    4. efecto suspensivo

      Efecto que nace dun recurso presentado e que produce, ademais do efecto devolutivo, a suspensión da causa ou da execución da sentenza impugnada ata que se teña manifestado o tribunal superior.

  2. s m [DEP]
    1. Cambio de dirección dunha bóla de billar durante unha xogada. O efecto imprímeselle cando se pica a bóla lateralmente.

    2. Cambio da traxectoria dun balón ou pelota mediante un golpe ou movemento especial.

  3. s m [FILAT]

    Cada unha das pezas dunha emisión que se poden expedir individualmente.

  4. s m pl

    Conxunto de obxectos que unha persoa adoita gardar ou levar consigo.

    Ex: Enviáronlles os seus efectos persoais ós parentes.

  5. [ECON]
    1. s m pl

      Dereitos de cobro documentados con instrumentos formais de pago, como letras de cambio, libranzas ou obrigas de pagamento.

    2. efectos públicos

      Documentos de crédito emitidos polo Estado ou por outros organismos dependentes e recoñecidos polo goberno como negociables en bolsa. Os máis correntes son os bonos do Estado, que teñen como principal obxectivo o financiamento do déficit orzamentario, e os emitidos polas empresas públicas.

  6. efecto almofada [INFORM]

    Erro na visualización de imaxe que producen algunhas pantallas; consiste en que as liñas rectas parecen curvas, especialmente nas marxes das imaxes.

  7. efecto bolboreta [MAT/FILOS]

    Suposto pedagóxico que, no marco da teoría do caos, ilustra a dificultade de predición que presentan os sistemas dinámicos complexos -isto é, a maioría dos sistemas naturais-, en que unha pequena alteración fará que os subseguintes estados difiran moito dos estados que se seguirían de non existir a alteración. O descubrimento da sensibilidade extrema a pequenos cambios dos sistemas complexos -en que as perturbacións microscópicas se amplifican ata interesar o comportamento macroscópico- débese á gran capacidade de cálculo dos ordenadores que permitiron o estudo de sistemas moi complicados de ecuacións non-lineais. O meteorólogo Edward Lorenz, mentres traballaba nun modelo para a predición meteorolóxica, decatouse de xeito casual de que, cambiando moi lixeiramente os valores iniciais de cálculo, o resultado final era totalmente distinto. Ao interpretar esta dependencia esaxerada das condicións iniciais describiuna, de xeito metafórico, como “o movemento dunha á de bolboreta hoxe provoca un diminuto cambio no estado da atmosfera. Despois dun certo período de tempo, o comportamento da atmosfera diverxe do que debería ter. Así que, no período dun mes, un tornado que debería ter devastado a costa de Indonesia non se forma. Ou quizais, un que non se ía formar, fórmase ou incluso os efectos dos movementos dunhas bolboretas poden anularse cos doutras”.

  8. efecto memoria [TECNOL]

    Característica dalgunhas baterías que, se son recargadas antes de que estean totalmente esgotadas, perden parte da súa capacidade de almacenamento de enerxía e polo tanto de autonomía.

  9. efecto pantasma [TECNOL]

    Aparición de sombras brancas ou negras cando se amosa nunha imaxe unha franxa de cor moi clara ou escura.

  10. efecto timbrado [DER]

    Papel emitido polo Estado para a realización dun negocio xurídico concreto (pagamento do prezo de servicios públicos, exaccións fiscais e parafiscais e taxas) así como para facer efectivas toda clase de responsabilidades pecuniarias. É de uso obrigado para o suxeito pasivo. Este papel leva impreso un timbre ou selo de diferentes contías, que se corresponde coa cantidade pagada.

Frases feitas

  • Causar efecto. Impresionar algo a alguén.

  • En efecto loc adv Certamente, verdadeiramente.

  • Para todos os efectos. Para todos os fins.

  • Sen efecto. Sen validez.

  • Para os efectos de. Co obxectivo de.

Refráns

  • ande houbo fogo sempre cinsa queda.
  • Cales palabras din ao home, tal corazón lle poñen.
  • Chuvias hai que secan e soles hai que regan.
  • De tales vodas, tales costras.
  • Non hai manxar que non farte nin vicio que non enfade.
  • Tal paxaro, tal ovo.