Eiré López, Alfonso

Eiré López, Alfonso

Xornalista e escritor, coñecido polo pseudónimo de Pucheiro. Director do semanario A Nosa Terra. Estudiou no seminario de Lugo e foi membro cofundador da agrupación Lumieira, que se formou en Chantada a partir de 1973. Comezou no eido periodístico na sección de deportes de El Progreso de Lugo con 14 anos, labor que compaxinaba cos seus estudios no instituto de Chantada. Aos 16 anos dirixiu a revista xuvenil O Cabeceiro. Logo continuou a súa formación na facultade de Ciencias de Información en Madrid. Trala finalización dos seus estudios formou parte do equipo da TVE en Galicia, ata que a partir de 1977 entrou na redacción de A Nosa Terra. Despois dunha crise no seo do semanario, no ano 1981 organizou o seu traslado da redacción dende Santiago de Compostela a Vigo, e modificou o seu equipo directivo. En setembro de 1983 foi elixido director. Membro da comisión técnica de prensa do Consello da Cultura Galega, foi o redactor das primeiras ponencias do nacionalismo galego sobre temas deportivos. Escribiu o ensaio O fútbol na sociedade galega (1998), a novela Amigos sempre (1998) e o libro de relatos Eu tamén fun coas vacas (2001). Colaborou nos libros colectivos Os límites do dereito á información: xornalistas ante a lei (1991) e Unha semana de información en Europa (1996). Gañou o Premio de Narracións da Caixa Provincial de Lugo, obtivo o Premio Galicia de xornalismo en dúas ocasións e gañou a XX edición do Premio Julio Camba (1998).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Chantada