Eiroa Barral, Gabriel Xosé
Escultor. De formación autodidacta, comezou a traballar no obradoiro marmorista do seu pai na rúa Nova. A través de Sixto Aguirre coñeceu o grupo de Os Novos ou Renovadores da arte galega que o animaron a dedicarse á escultura. Participou activamente nos parladoiros composteláns dos anos trinta e, a través de Luís Seoane e Carlos Maside, coñeceu a escultura foránea e interesouse polas novas tendencias. Instalou o seu estudo nas proximidades do Sar. A tardía vocación e o seu repentino falecemento, fixeron que deixase un número escaso de obras, moitas delas só modeladas no bosquexo en xeso. Aínda así, a súa obra tentou renovar a linguaxe plástica do momento ao arredarse do folclorismo e da anécdota imperante, inquedanzas artísticas relacionadas co movemento renovador da arte galega. Potenciou os aspectos intrínsecos da escultura, a forma, o volume, a materia e o espacio, pero espiu as súas esculturas de calquera detalle anecdótico ou pintoresco. Eliminou por completo a caracterización das roupas e dos trazos fisiognómicos que identificaban o pobo, para acadar obras nas que os seus principios básicos foron a sinxeleza e os volumes redondeados e nas que o corpóreo e o táctil se impoñían sobre o pitórico. Cultivou sobre todo a temática da muller, con obras nas que reflectiu as súas inquedanzas plásticas e as da súa época. Fixo esculturas sinxelas, pero sólidas e estáticas, desprovistas de calquera síntoma de movemento, pensadas como elementos inseridos na natureza para formar parte dela. Tecnicamente, dotounas dun arcaísmo formal e dunha materialidade pétrea, entendible pola súa falta de formación artística, pero que tamén ten que ver coa influencia da tradición popular de raizame medieval. Realizou tamén tallas en madeira e imaxes de Cristo. Destacan, entre outras, Campesiña sentada (1930), Leiteira, Maternidade e Moza peiteándose. A súa obra está presente, entre outras coleccións, no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo e no Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso