El Dúo Dinámico
Grupo musical constituído por Manuel de la Calva (voz) e Ramón Arcusa (guitarra e voz) en Barcelona en 1958. Debutaron no programa La comarca nos visita de Radio Barcelona. Despois de diversas actuacións en varias cadeas radiofónicas, no verán de 1959 actuaron no restaurante La Masía de Barcelona e nese mesmo ano gravaron o primeiro disco cos temas Little Darling, Cow-boy, Alone e Recordándote. Cara ao ano 1972 decidiron retirarse e dedicáronse á composición e produción de novos cantantes para regresar anos despois ao mundo do espectáculo. Gañaron o Festival de la Canción del Mediterráneo con Como ayer, o Festival de la Costa Verde con Somos jóvenes, e segundos premios no Festival de Benidorm con Quisiera ser e con Amor amargo. Foron os autores da canción La, la, la, gañadora do Festival de Eurovisión de 1968 interpretada por Massiel. Así mesmo, participaron en varias películas como Botón de ancla, Búsqueme a esa chica, Escala en Tenerife, Una chica para dos. Entre os seus éxitos sobresaen Perdóname, Quisiera ser, Quince años tiene mi amor e Resistir, e da súa discografía destacan Dúo Dinámico, Dúo Dinámico en forma, Con zapatos nuevos, Viva los 50, P’alante e 20 éxitos de oro.