Elbasan
Capital do rrethi homónimo, Albania, na marxe dereita do río Shkumbin (83.300 h [1990]). Importante centro industrial, nel destacan os sectores siderúrxico e alimentario. Tamén ten unha refinería de petróleo. Fundada no s I co nome de Skampa, foi un núcleo comercial na ruta entre as penínsulas Itálica e Balcánica. No s IV construíronse as murallas da cidade e o emperador bizantino Xustiniano estableceu nela a sede do bispado. A fortaleza foi reconstruída en 1466 polo sultán Mohamed II tralo ataque turco e a cidade recibiu o nome de Elbasan, ‘fortaleza’ en turco. Nos s XVI e XVII converteuse nun importante centro de comercio e manufacturas de coiro, seda, madeira e prata. En 1832, o levantamento contra o poder turco levou á destrución da fortaleza do s XV. Do seu patrimonio cultural destacan as tumbas de varios guerreiros ilirios, os baños turcos, o Museo da Guerra de Liberación Nacional e o Museo da Educación.