Elduayen Gorriti, José
Enxeñeiro e político, marqués do Pazo da Mercé. Iniciou a súa carreira profesional en Asturias, onde dirixiu as obras do ferrocarril de Langreo, sobre as que publicou a memoria Ferrocarril de Langreo (1846). En 1854 coñeceu a Cánovas, quen o introduciu no eido da política. En 1855 trasladouse a Vigo, cidade pola que foi deputado a Cortes en 1857, cargo que repetiu por Pontevedra en 1864. Nese mesmo ano foi subsecretario do ministro de Gobernación, carteira que ocupaba Cánovas. O’Donnell nomeouno conselleiro de Estado en 1866 e en 1872 foi ministro de Facenda. En 1874 foi elixido para viaxar a Sandhurts e acompañar o Rei Afonso XII na súa entrada en España. Na Restauración foi gobernador civil de Madrid, ministro de Estado en tres ocasións e de Gobernación e de Ultramar dúas veces. En 1878 nomeárono senador vitalicio e presidente da Cámara Alta ata a súa morte. Ocupou tamén, entre outros cargos, o de director do Banco de España. Promoveu a construción das liñas férreas Vigo-Ourense, iniciadas en 1863, Vigo-Madrid e Vigo-Porto; das estradas de Redondela a Porriño, da Cañiza a Filgueira, de Vigo a Baiona e de Gondomar a Tui, entre outras; dos portos do Carril, Marín e Baiona; e dos faros de Sálvora, Ons e cabo Silleiro. Na cidade de Vigo impulsou a construción das torres da Colexiata, do peirao de ferro do porto, o trazado das rúas García Barbón e Policarpo Sanz, a demolición da batería da Laxe que deu paso á avenida Cánovas del Castillo, a apertura en 1896 do Hospital Municipal, que levaba o seu nome, a erección do Pazo de Xustiza e a construción da rúa que recibiu o seu nome. Outorgáronselle, entre outras condecoracións, as grandes cruces das ordes de Carlos III, da Lexión de Honor de Francia, e as de San Mauricio e San Lázaro de Italia. A Raíña María Cristina concedeulle o Vélaro de Ouro.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso