elección
(< lat electĭōne)
-
s
-
Acción de elixir.
Ex: Debes facer as túas propias eleccións, eu non podo decidir por ti.
Sinónimos: escolla. Confrontacións: selección. -
Designación dunha persoa para un cargo ou comisión, xeralmente por medio de votos.
Ex: A elección do novo reitor foi moi debatida.
-
pl
[POLÍT]
Procedemento de designación de gobernantes ou representantes por medio de votación. A elección é un procedemento formal, fixado ou recoñecido polas normas dunha organización social, segundo o cal todos ou parte dos seus membros escollen un número menor de persoas, ou a unha soa, para ocupar determinados cargos en dita organización. O desenvolvemento de procedementos electorais remóntase á Antigüidade clásica, nas cidades estado gregas nos ss VI e V a C. Noutras épocas históricas tamén se desenvolveron eleccións, como na República Romana, na organización da Igrexa medieval e nas asembleas de representación estamental na Baixa Idade Media. A ideoloxía liberal e o Estado liberal burgués formularon o principio democrático das eleccións sobre a base dos conceptos de soberanía e representación. Os gobernantes son elixidos polos cidadáns directa ou indirectamente a través de representantes elixidos por eles, reunidos nunha asemblea depositaria da soberanía popular. As eleccións son o mecanismo a través do cal se obtén tal representación, sobre a que se fundamenta a lexitimidade do poder político. Os sistemas electorais son os mecanismos válidos para facer efectiva a designación dos membros dos parlamentos e dos gobernos. Existen dous modelos básicos de sistemas electorais. No sistema maioritario quen consegue a maioría dos votos gaña a elección e todo o que nela se disputa. O sistema proporcional intenta que a representación política que produza en cada caso a elección se distribúa de forma proporcional ao número de votos acadados por cada candidatura. Esta concepción dualista exclúe os sistemas mixtos, coma o de elección ao Bundestag alemán, que son a combinación dos outros dous sistemas. O sistema maioritario séguese en países de orixe anglosaxona como o Reino Unido, os EE UU, Canadá e Australia, e tamén en Xapón e Francia. O sistema proporcional desenvolveuse a partir de finais do s XIX coa intención de conciliar os diversos intereses xurdidos da universalización do sufraxio e da diversidade étnica, linguística e social nos estados. Así, está presente en moitos países de Europa Occidental, como Alemaña, os países escandinavos, Italia e España. As eleccións son libres cando a vontade electoral se manifesta libremente, cando é recollida fielmente por unha administración electoral independente e cando as controversias xurdidas no proceso electoral son resoltas por instancias imparciais.
Procesos electorais españois
A Constitución Española de 1978 garantiu o dereito a participar libremente nas eleccións e o desenvolvemento destas con xustiza e limpeza. En España celébranse en catro instancias territoriais: as eleccións locais, autonómicas, xerais e europeas. As eleccións locais dispútanse co obxecto de prover os órganos de goberno e administración dos municipios, deputacións provinciais e entidades de ámbito local. As eleccións autonómicas deciden a composición dos órganos lexislativos das comunidades autónomas, que elixirán os órganos de goberno das mesmas. As eleccións xerais en España coinciden coas eleccións lexislativas, nas que se decide a composición do Congreso de los Diputados e do Senado. As eleccións europeas designan os representantes españois no Parlamento Europeo. Dentro das eleccións xerais, as eleccións ao Congreso teñen máis importancia, pois esta cámara é a encargada de nomear o Presidente do Goberno. O comportamento electoral en España dende a promulgación da Constitución de 1978 amosa varias características comúns. Dende o punto de vista da participación electoral, evidénciase unha importante abstención, sobre todo nos oitenta, motivada pola desmobilización política, a importancia dada polo electorado a certas eleccións en detrimento doutras (as lexislativas de 1977, 1982, 1996 foron das máis participativas, e as eleccións ao Parlamento Europeo son das menos). O voto manifestado nestas consultas concéntrase en poucos partidos, aínda que non de modo uniforme en todo o territorio, pois en determinadas comunidades autónomas (Galicia, Euskadi, Catalunya, Andalucía, Canarias) os partidos nacionalistas acadaron importantes resultados. En calquera caso, o voto reflicte as dificultades dos terceiros partidos estatais para intervir decisivamente na política, como foron os casos do Centro Democrático y Social (CDS) nos oitenta ou de Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya (IU-IC) na década dos noventa. En canto á polarización do voto, as preferencias dos electores dirixíronse maioritariamente a partidos de centro-dereita ou de centro-esquerda. Outra característica é a alta volatilidade do voto derivada das crises dos partidos gobernantes, feito que manifesta o cambio de voto entre partidos ao longo das consultas electorais sucesivas, como sucedeu en 1982 e en 1996. Finalmente, respecto das tendencias do voto, prima o eixe esquerda-dereita, ou a inclinación cara á identidade nacional, que en varias comunidades autónomas reflicte un voto a partidos nacionalistas en detrimento dos partidos estatais, ata o punto de constituír partidos hexemónicos, como o Partido Nacionalista Vasco (PNV) en Euskadi e Convergéncia i Unió (CiU) en Catalunya. Respecto das consultas electorais, as de 1977 e 1979 déronlle a vitoria á Unión de Centro Democrático (UCD) do presidente A. Suárez, cun 34% dos votos. En segundo e terceiro lugar quedaron as forzas de centro-esquerda, o Partido Socialista Obrero Español (PSOE), e esquerda, o Partido Comunista de España (PCE) con arredor do 30% e o 10%, respectivamente, dos votos emitidos. Alianza Popular (AP) situouse despois, aínda que perdendo votos e escanos en 1979, cando se presentou como Coalición Democrática. Os partidos nacionalistas aumentaron significativamente o seu voto e a súa representación en 1979 (pasaron de 21 a 29 deputados). O desgaste dos gobernos de A. Suárez e J. Calvo Sotelo e a crise do partido reduciron espectacularmente o voto á UCD, que nas eleccións de 1982 só acadou un 6% do voto. A vitoria electoral foi do PSOE, que inaugurou un longo período de goberno socialista entre 1982 e 1996, aínda que o apoio electoral foi diminuíndo sucesivamente ao longo de todo o período (48% en 1982, 44% en 1986, 39% en 1989 e en 1993, e 38% en 1996). AP e, a partir de 1989, o Partido Popular (PP) foron a principal forza de oposición nos oitenta (co 25% do voto) e a principal alternativa de poder nos noventa, cun 34% do voto en 1993, ata que en 1996 ascendeu ao goberno, co apoio parlamentario de CiU, PNV e Coalición Canaria; no 2000 acadou a maioría absoluta no Congreso. Respecto dos terceiros partidos, trala desfeita da UCD en 1982, que ocasionou a súa desaparición, o CDS, partido do ex-presidente Suárez coñeceu un importante crecemento en 1986 e 1989, ata chegar ao 9% dos votos, que foi moi reducido en 1993, con soamente o 1,8% do voto, o que provocou a súa saída da esfera política. O PCE-PSUC-IC, logo IU-IC, trala derrota de 1982, cando pasou de 23 a 4 deputados, conseguiu un lento aumento do voto ata 1996, ano no que chegou ao 9% do voto, pero en 2000 a coalición de esquerda acadou un importante decrecemento, circunstancia que fixo perigar a súa capacidade de influír na escena política. Os partidos nacionalistas xurdiron entón como importantes pezas no xogo das maiorías, cun constante ascenso nos oitenta e, en 1993 e 1996, converténdose na chave da gobernabilidade. No que se refire á representación galega, o voto nacionalista manifestouse nos oitenta en forzas de centro lideradas por elites locais. Deste modo, Coalición Galega conseguiu dous escanos en 1986. As forzas de esquerda nacionalista reunidas no Bloque Nacionalista Galego protagonizaron un lento aumento nos seus resultados electorais ata alcanzaren representación parlamentaria en 1996, e aumentala no 2000, ao pasaren de dous a tres escanos. A dinámica electoral en Galicia en todo este período reflectiu, as máis das veces, as oscilacións producidas en España, aínda que manifestando en ocasións tendencias propias, como a dos sucesivos triunfos electorais do PP, aínda que gobernase o PSOE en Madrid, e a evolución do voto nacionalista, que, nos oitenta lle outorgou representación parlamentaria a un partido de centro-dereita e, nos noventa, deulla a un partido de esquerda.
As eleccións autonómicas en Galicia
A Constitución Española de 1978 fixo seu o principio de descentralización política, dotou a Galicia e a outras comunidades de autonomía política para a xestión dos seus intereses. Esta autonomía política cristalizou en dous principios básicos para desenvolvela, o goberno democrático e o réxime parlamentario. Ambos precisan da celebración de eleccións libres e periódicas para o seu cumprimento. O sistema de eleccións ao Parlamento de Galicia define un voto a listas pechadas de candidatos de partidos políticos ou agrupacións electorais. Cada lista preséntase nas circunscricións electorais, identificadas coas catro provincias galegas. A cada provincia asígnaselle un número de deputados en consonancia coa súa poboación: 24 escanos á provincia da Coruña, 21 á de Pontevedra e 15 ás de Ourense e Lugo. O sistema de distribución dos escanos é proporcional, circunstancia que garante a concesión a cada unha das candidaturas dun número de escanos en proporción aos votos acadados. En Galicia a fórmula d’Hondt traduce os votos en escanos. Para evitar a excesiva fragmentación parlamentaria, que puidese impedir a formación de gobernos estables, en Galicia é preciso superar o 5% dos votos validamente emitidos na circunscrición para poder obter representación parlamentaria. O comportamento electoral dos galegos manifesta certos trazos característicos. A participación electoral é moi baixa, pois, mentres en España a abstención oscila arredor dun 20%, en Galicia elévase en ocasións ata o 40% do electorado. A explicación desta abstención débese a diversos factores, como o clima, a dispersión da poboación, o envellecemento da mesma, a ruralidade e a base socioecónomica. Respecto do destino do voto, existe unha progresiva concentración do voto en poucas forzas políticas. No primeiro Parlamento galego estaban presentes seis partidos, desde 1993 soamente son tres, aínda que en 1997, estaban presentes catro partidos, ao se presentar dous partidos nacionalistas en coalición electoral. Existe unha tendencia a afastarse das posicións extremas no eixe esquerda-dereita. Finalmente, a importancia do voto da emigración aparece como unha variable electoral autóctona, con crecente importancia non só no cómputo dos votos, senón tamén nas campañas electorais. Nas primeiras eleccións autonómicas, en 1981, Alianza Popular (AP) obtivo unha vitoria axustada ante a Unión de Centro Democrático (UCD) e o Partido Socialista de Galicia-Partido Socialista Obrero Español (PSdG-PSOE). O PSdG-PSOE acadou un resultado en 1981 que o confirmou como a principal forza de esquerda en Galicia. O voto nacionalista nas primeiras eleccións foi reducido, feito que se explica pola carencia de recursos materiais, polas divisións internas de moitos grupos, pola dificultade para formar sólidas agrupacións electorais e, nalgúns casos, pola radicalidade dos seus discursos. Aínda así, o Bloque Nacionalista Popular Galego-Partido Socialista Galego (BNPG-PSG) acadou tres escanos e Esquerda Galega (EG), un. O Partido Comunista de Galicia (PCG) obtivo un deputado. A desaparición da UCD tralas eleccións xerais de 1982 supuxo a integración dos seus antigos cargos noutros partidos e alterou o mapa electoral galego, ata deseñar un sistema bipartidista tralas eleccións de 1985, con terceiros partidos amodo de bisagra. Coalición Popular (CP) foi a clara vencedora, aínda que sen chegar a acadar a maioría absoluta no Parlamento. O PSdG-PSOE converteuse na segunda forza política da cámara, pero quedou lonxe de CP. A terceira forza, clave para a gobernabilidade, foi Coalición Galega (CG). CG naceu como partido de raíz ourensá, pero soubo atopar apoio electoral en todo o territorio, ata alcanzar once deputados, e conformarse como un novo modelo nacionalista de tipo moderado conservador. O resto do voto nacionalista volveuse repartir entre o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que pasou de tres a un deputado, e EG, que pasou de un a tres. O PSG, que en 1981 se presentou co BNPG, en 1985 fíxoo, tras un tortuoso camiño de alianzas e divorcios políticos, con EG. Ademais, o Centro Democrático e Social (CDS) e o PCG presentáronse nas catro circunscricións, aínda que non obtiveron representación. As eleccións de 1989 estiveron marcadas pola incorporación de Manuel Fraga á política galega e pola moción de censura ao goberno de G. Fernández Albor e o goberno tripartito de F. González Laxe. O Partido Popular (PP) obtivo unha clara vitoria ao acadar a maioría absoluta no Parlamento e o PSdG-PSOE mantívose como segunda forza na cámara. A CG perdeu nove deputados e quedou soamente con dous. As causas puideron ser as súas divisións internas, coa escisión do Partido Nacionalista Galego, os continuos cambios de criterio na dirección do partido e a presencia de líderes discutidos pola opinión pública. O BNG obtivo un importante éxito ao acadar cinco deputados e concentrar o voto nacionalista, nunha lenta escalada que proseguiría na década seguinte. Finalmente, o PSG-EG perdeu un deputado, como consecuencia das súas dificultades para se implantar nas provincias orientais, e comezou un declive que, catro anos máis tarde, o expulsaría do Parlamento. As eleccións de 1993 revalidaron a maioría absoluta de M. Fraga e do PP, que acadou unha vitoria rotunda. O BNG aumentou a súa presenza no Parlamento en oito deputados, e obtivo un 18% dos sufraxios. Ese espectacular ascenso coincidiu coa derrota do PSdG-PSOE, que perdeu nove deputados e reduciu ao 23% o seu apoio electoral. Ademais, produciuse unha importante concentración do voto en tres partidos, coa saída do Parlamento de EG, que se presentou en coalición con Esquerda Unida e Unidade Galega, e de CG. As eleccións de 1997 déronlle de novo a vitoria ao PP. O partido de Fraga volveu obter a maioría absoluta, aínda que perdeu un escano. O BNG converteuse no principal partido da oposición, ao conseguir cinco deputados máis, e obter o 24% dos sufraxios. O PSdG-PSOE presentouse en coalición con EU-EG (Esquerda Unida-Esquerda Galega), mais os dous deputados de EG que obtiveron representación formaron grupo parlamentario mixto, á parte do socialista. O PSdG-PSOE perdeu novamente as eleccións, e deixou de liderar a oposición, ao sumar só o 19% do voto e perder catro deputados. Nas eleccións de 2001, o PP repetiu maioría absoluta, pero volveu perder un escano. O BNG e o PSdG-PSOE igualáronse na oposición, ao sumar ambos dezasete escanos, pero os nacionalistas perderon un e os socialistas sumaron dous máis aos que xa tiñan. O resto de partidos non obtivo representación parlamentaria, pero, en conxunto sumaron máis votos que nas eleccións precedentes, como consecuencia dos esforzos investidos por grupos políticos liderados por antigos líderes como Anxo Guerreiro, en Esquerda de Galicia (EG) e Enrique Marfany, en Democracia Galega.
-
-
elección lingüística
[LING]
Posibilidade ou facultade de elixir.
-
Acción de decidir entre os dialectos dunha mesma lingua indíxena ou entre distintas linguas. Cando se escolle unha lingua indíxena denomínase endoglósica e cando se escolle unha lingua esóxena, exoglósica.