electrólise
(< electro- + -lise)
Conxunto de fenómenos que teñen lugar no seo dunha solución electrolítica ou dun electrólito fundido ao pasar por el unha corrente eléctrica de forma continuada, de xeito que os seus ións ceden ou captan electróns nos electrodos. En 1800 W. Nicholson e A. Carlisle realizaron as primeiras experiencias de electrólise ao facer pasar corrente por unha solución de auga acidulada co que obtiveron hidróxeno e osíxeno. En 1807, H. Davy obtivo o sodio e o potasio mentres traballaba con sales fundidos. En 1833, M. Faraday estableceu as leis cuantitativas da electrólise que fixan as relacións existentes entre a intensidade da corrente que atravesa un medio determinado e a cantidade de substancia depositada no electrodo. Efectúase unha electrólise cando se aplica unha tensión continua entre os electrodos da célula electroquímica. Cando a diferenza de potencial é superior ao potencial de redución, ou de oxidación, do electrólito, prodúcese unha redución catódica e unha oxidación anódica. As aplicacións da electrólise son moi importantes en metalurxia, xa que permite obter metais dun alto grao de pureza e recubrimentos superficiais metálicos.