electrotecnia

electrotecnia

(

s f [FÍS]

Parte da técnica que trata da aplicación práctica dos fenómenos eléctricos e magnéticos e das relacións entre eles. Como toda ciencia de aplicación, naceu coa era do maquinismo e da renovación técnica. En primeiro lugar hai que mencionar os fenómenos electrostáticos, que transforman a enerxía propia das cargas eléctricas en repouso en esforzos mecánicos de atracción (se son de signo diferente) e de repulsión (se son do mesmo signo). Estes fenómenos presentan diversas aplicacións prácticas, como a desviación dos raios catódicos nun tubo de baleiro, que entran de cheo no campo da electrónica. Outra aplicación importante dos fenómenos electrostáticos é a fabricación de condensadores. No eido da electricidade en movemento, existen moitos obxectos que utilizan a corrente eléctrica, que produce efectos de diversos tipos, xa sexan químicos, caloríficos ou magnéticos. Os primeiros aprovéitanse para a fabricación de pilas e acumuladores; tamén teñen aplicación en electrólise. Os fenómenos caloríficos, baseados na lei de Joule, teñen aplicación en distintos aparellos, entre outros, ferros de pasar, quentadores de auga ou estufas. Os fenómenos magnéticos presentan variadísimas formas de aplicación, pero cómpre diferenciar entre a corrente alterna e a continua. A corrente continua orixina un conxunto de máquinas que poden ser resumidas en motores de corrente continua e dínamos. A corrente alterna presenta moitas vantaxes na condución da enerxía eléctrica dende o lugar de produción ata o de recepción. A corrente que se transmite pode ser diferente, segundo o número de fases e, polo tanto, de condutores: monofásica, trifásica, hexafásica, etc. Universalmente, adoptouse o sistema trifásico para a transmisión e para as aplicacións industriais de corrente alterna. Outra aplicación importante da electricidade é a iluminación, que se iniciou coas lámpadas de incandescencia e que co tempo permitiu deseñar diversos tipos de lámpadas eléctricas que presentan un rendemento máis alto, como as lámpadas de descarga ou os tubos fluorescentes. Para a produción de enerxía eléctrica disponse de centrais térmicas, hidroeléctricas ou nucleares, e de elementos para a transmisión e a transformación de enerxía eléctrica, como liñas e redes eléctricas, transformadores ou aparellos de protección.