Elefantina

Elefantina

Illa situada no curso do río Nilo, fronte a ‘Aswān, e que constitúe unha barreira natural ao S da primeira fervenza. Foi a capital de To-Jentit, primeiro nomo do Alto Exipto e nela sitúase a cidade de Abu. Habitada dende o primeiro período dinástico, acadou un grande esplendor durante a época faraónica. Do seu patrimonio cultural destacan os restos dos templos de Jnum e Satis, que xunto con Anukis formaban a tríade que se veneraba na cidade, e o Nilómetro, escaleira con marcas nos muros para medir a altura do río e que describiu Estrabón.