Eleusis

Eleusis

Cidade do nomós da Ática, Grecia, situada no golfo de Saronikós (20.320 h [1981]). As principais actividades económicas están relacionadas coa construción naval e as refinerías de petróleo. Coñeceuse na Antigüidade pola celebración dos misterios de Eleusis. As escavacións realizadas no s XIX estableceron a orixe do santuario de Démeter no período micénico, no segundo milenio a C. Formou parte das doce cidades sobre as que gobernaba o rei-sacerdote Eumolpo e anexionouse a Atenas a finais do s VIII a C ou comezos do s VII a C. Destruída por Arquidemo de Esparta durante a Guerra do Peloponeso (431-404 a C), reconstruíuse durante o Imperio Romano e conservou certa relevancia ata que un edicto do Emperador Teodosio pechou o santuario (381 d C). No 396 foi destruída polos bárbaros de Alarico.