Eliade, Mircea

Eliade, Mircea

Historiador das relixións. Estudiou filosofía na Universidade de Bucarest e en 1928 trasladouse á India, onde foi discípulo de Surendranath Dasgupta e aprendeu alí sánscrito e filosofía india. Á volta doutorouse en Filosofía (1933) e publicou Yoga: Essai sur l’origine de la mystique Indienne (Ioga: ensaio sobre a orixe da mística india). Profesor asistente na Universidade de Bucarest (1933-1939), impartiu filosofía hindú e historia das relixións. Arrestado pola súa vinculación coa Garda de Ferro, destinárono posteriormente ás embaixadas de Londres e Lisboa (1941-1944). Despois da Segunda Guerra Mundial trasladouse a París e traballou como profesor visitante na École des Hautes Études da Sorbonne (1946). Profesor visitante de historia das relixións na University of Chicago (1956), converteuse en profesor titular ao ano seguinte. Fundou as revistas Zalmoxis (1939-1940-1944), Antaios (1961-1972) e History of Religions (1961). Entre as súas obras científicas destacan Traité d’histoire des Religions (Tratado de historia das relixións,1949), Le Mythe de l’éternel retour (O mito do eterno retorno, 1949), Le chamanisme et les techniques archaiques de l’extase (O chamanismo e as técnicas arcaicas de éxtase, 1951) e l’Histoire des croyances et des idées religieuses I, II, III (Historia das crenzas e das ideas relixiosas, I, II, III, 1976-1984). Publicou numerosas novelas, entre as que destacan La nuit bengali (A noite bengalí,1933), na que se percibe a influencia da India, e La forêt interdite (O bosque prohibido, 1955).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Bucarest

  • Deceso

    Lugar : Chicago