Ellacuría Beascoechea, Ignacio
Teólogo. En 1947 ingresou na Compañía de Xesús e no segundo ano do noviciado trasladouse a El Salvador. Estudiou humanidades na Universidad Católica de Quito (Ecuador), na que se licenciou en Filosofía (1955). Entre 1958 e 1962 estudiou teoloxía en Innsbruck (Austria) con Karl Rahner. Doutorouse en Filosofía na Universidad Complutense de Madrid (1965). En 1967 comezou a súa actividade docente na Universidad Centroamericana (UCA) de San Salvador, da que foi director do departamento de filosofía (1972) e reitor dende 1979. Representante destacado da Teoloxía da Liberación, involucrouse na política interna do país, sumido nunha guerra civil: denunciou os abusos da oligarquía opresora e explotadora e dunha clase política servil, pero tamén denunciou os métodos da guerrilla, á que acusaba de non representar o pobo salvadoreño, como proclamaban os seus dirixentes, e defender unicamente intereses partidistas. Dende o reitorado pretendeu converter a UCA nun instrumento de liberación popular comprometido coa realidade do país, esforzouse por elevar o nivel académico e implantar novas licenciaturas e os estudios de doutoramento, promoveu a publicación de revistas científicas e medios de comunicación social da universidade, denunciou e criticou os incumprimentos e a corrupción dos sucesivos gobernos e tentou construír unha cultura de xustiza e paz fronte á inxustiza estrutural e á violencia reinantes. Morreu asasinado por un comando paramilitar na residencia universitaria xunto con outros xesuítas e traballadores da UCA. Publicou, entre outros títulos, Teología Política (1973) e Conversión de la Iglesia al Reino de Dios para anunciarlo y realizarlo en la historia (1985). Postumamente, publicáronse Filosofía de la realidad histórica (1991) e as compilacións Ignacio Ellacuría. Teólogo mártir por la liberación del pueblo (1990) e Mysterium Liberationis. Conceptos fundamentales de teología de la liberación (1990, en colaboración con Jon Sobrino, no que destaca o artigo “Utopía y profetismo en América Latina”, 1989).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Portugalete, Bizkaia -
Deceso
Lugar : San Salvador