Eloy, Mário
Pintor e actor. Formouse na Escola Superior de Belas-Artes de Lisboa e ampliou estudios en Madrid (1920). Considerado como un dos renovadores da plástica portuguesa da primeira metade do s XX, interesouse polas propostas novecentistas e polos inicios precubistas de Picasso, e trasladouse a París (1924-1927), onde contactou coas principais correntes vangardistas. Durante a súa estancia en Berlín (1927-1932), a súa pintura estivo a medio camiño entre o realismo e un lirismo cargado de cromatismo metafórico. Entre outras obras destacan Auto-retrato (1928), Retrato do bailarino Francis (1930) e O livro azul (1933). De volta a Portugal, o lirismo evolucionou cara a unha figuración marcada polo soño e o pesadelo, plasmados en O enterro (1938) e A fuga (1939). A súa estética conectou coa dos inicios do movemento surrealista que, co Grupo Surrealista de Lisboa ou Os Surrealistas, introduciron a plástica lusitana nas correntes vangardistas europeas. Influído pola enfermidade e o ambiente posterior á Segunda Guerra Mundial, iniciou con A morte na gaiona (1945) o camiño da xestualidade e o automatismo, fronte ás tendencias neorrealistas e academicistas que imperaban no réxime de Salazar. O seu estado mental ocasionou o seu internamento na Casa de Saúde do Telhal en 1945. Obtivo, entre outros, o Prémio Sousa Cardoso.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Lisboa -
Deceso
Lugar : Telhal