Elx

Elx
Nome científico: [nome cooficial cast: Elche]

Municipio da provincia de Alacant, Comunitat Valenciana, cabeza da comarca do Baix Vinalopó (191.660 h [1996]). A súa principal actividade económica é a agricultura, tanto os cultivos de secaño (amendoeiras) como os de regadío (hortalizas e cítricos). Na industria destacan a fabricación de calzado, o sector químico e o téxtil. Debido á súa actividade industrial, é un importante mercado de redistribución. Documentada pola arqueoloxía como unha das principais cidades iberas do Levante dende os ss VI e V a C, os romanos concedéronlle a condición de colonia co nome de Illici Augusta Colonia Iulia en tempos do Emperador Augusto. Trala invasión dos musulmáns foi poboada polos bérberes que no s X trasladaron a poboación á beira do río Vinalopó. Formou parte do Reino de Dénia (s XI) para logo incorporarse ao Reino de Murcia. Sometida á vasalaxe da Coroa de Castela polo Tratado de Almirra (1244), no reinado de Sancho IV (1284-1295) pasou a formar parte da Coroa de Aragón, pero volveu aos casteláns no reinado de Isabel I de Castela. Durante a Guerra de Sucesión sufriu o asedio e saqueo dos borbónicos (1706). No s XIX destacou polo seu carácter liberal e organizou milicias contra os Cen Mil Fillos de San Luís (1823) e contra os carlistas. Foco de propaganda republicana (1868-1873), contou coa presenza dunha agrupación socialista dende 1891, que influíu nun activo movemento obreiro local ata a Guerra Civil. A Vila Murada foi declarada Ben de Interese Cultural en 1968. Entre outros monumentos destacan a igrexa barroca da Asunción de Santa María, onde se celebra a representación paralitúrxica do Misteri ou Festa d’Elx; o alcázar da Senyoria, de raíces islámicas, no que se incorporou o palacio dos marqueses de Elx, posteriormente de Altamira; e a Calahorra, que defendía parte da muralla. Cómpre destacar os palmeirais do Cura, do Gat e do Xocolateur, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2000. Entre as institucións culturais da cidade destacan o Museu Arqueològic Municipal, o Museu d’Art Contemporani e o Museu Monogràfic de l’Alcudia.