Emerita Augusta

Emerita Augusta

Cidade romana fundada polo legado imperial Publio Carisio (25 a C) para o asentamento dos soldados veteranos licenciados (emeriti) das lexións V Alaudae e X Gemina, durante a campaña contra cántabros, ástures e galaicos, seguindo as indicacións do Emperador Octavio Augusto. Estableceuse nunha situación estratéxica, a carón dun vado do río Guadiana, e converteuse nun destacado centro militar, cultural e económico, capital da provincia da Lusitania. Foi un nó do eixe de comunicacións N-S, a Vía da Prata. Baixo os emperadores Traxano e Adriano acadou o seu máximo esplendor; cara á fin do Imperio aínda era unha das dez cidades máis importantes do mundo romano. Consérvanse numerosas construcións, entre as que destacan o anfiteatro, o teatro, a casa do anfiteatro, o templo de Diana e o foro. O Museo Nacional de Arte Romano conserva un gran número de pezas da cidade antiga. O seu conxunto arqueolóxico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993. Correspóndese coa actual Mérida.