Emilia-Romaña
Rexión de Italia setentrional que comprende as provincias de Boloña, Ferrara, Forlì-Cesana, Modena, Parma, Piacenza, Ravenna, Rimini e a rexión da Emilia (22.124 km2; 3.902.411 h [estim 2000]). É a fusión das antigas rexións da Emilia e a Romaña. A capital é Boloña. Sitúase ao S do río Po e limita ao N con Lombardia e Veneto, co Piemonte ao O, coa Toscana e as Marcas ao S e co Mar Adriático ao L. Morfoloxicamente, o territorio está constituído pola vertente oriental dos Apeninos toscanos; ao seu pé está a chaira aluvial do Po. O poboamento é disperso e acumúlase ao longo da antiga Via Aemilia. Máis da metade da poboación dedícase á agricultura e á gandería, base da súa economía. Os principais recursos minerais son o petróleo, o xofre, a turba e o cemento. Na industria destaca a produción de electricidade, a mecánica de precisión e o sector conserveiro. O turismo e a pesca son tamén importantes fontes económicas.