Empédocles

Empédocles

Filósofo, lexislador, médico e poeta grego presocrático. Líder do Partido Democrático, puido ser discípulo de Pitágoras e mestre do filósofo sofista Gorgias de Leontini. Continuador da obra dos filósofos xonios da natureza, elaborou unha teoría que procuraba o principio (arché) da natureza (physis). Afirmou que todo o que se produce na natureza resultaría da mestura de catro elementos básicos: o lume, a terra, a auga e o aire. Estes elementos primixenios serían eternos e indestrutibles e sobre eles actuarían dúas forzas cósmicas opostas: o amor, que os uniría, e o odio, que os separaría. A realidade sería o resultado da combinación destes elementos. Por isto, foi considerado o precursor da química moderna e do evolucionismo, xa que afirmaba que as persoas e os animais evolucionaban a partir de formas preexistentes. Elaborou tamén unha doutrina relixiosa baseada na transmigración das almas. Existen moitas lendas sobre a súa morte; segundo Hipoboto, canso da vida e de que a xente non crese o seu carácter divino botouse ao volcán Etna en erupción co fin de purificarse; mentres que, segundo Timeo, se retirou ao Peloponeso, onde morreu. Das súas obras só se conservan breves fragmentos coñecidos cos títulos Sobre a natureza e As purificacións.

Cronología

  • Deceso

  • Nacemento

    Lugar : Agrigento, Sicilia