empirismo
(< gr ἐμπειρία‘experiencia’)
Doutrina filosófica relativa á natureza do coñecemento que nega a posibilidade de calquera tipo de coñecemento que non proveña da experiencia, en particular da experiencia sensorial. Forma parte de sistemas filosóficos moi diversos. Os primeiros en adoptar posicións netamente empíricas foron Sexto Empírico e as escolas estoica e epicúrea. Aristóteles presenta tamén algúns trazos marcadamente empíricos. Entre os ss XVII e XVIII desenvolvérono autores ingleses como A. J. Locke, G. Berkeley e D. Hume, en oposición ao racionalismo e á teoría das ideas innatas de R. Descartes, B. Spinoza, G. W. Leibniz, N. Malebranche e C. Wolff. Para os empiristas non habería nada no intelecto que non pasara antes polos sentidos e o método de investigación científica sería o matemático-indutivo. Pensadores como Locke distinguen dúas formas de experiencia: a externa ou puramente sensorial, as impresións; e a interna, os actos mentais referidos á asociación de ideas, a memoria e a imaxinación, entre outras. No s XIX, o utilitarismo de J. S. Mill representou unha posición extrema dentro do empirismo, ao igual que W. James coa súa doutrina do empirismo radical. No s XX os avances científicos contribuíron a consolidar o empirismo filosófico, que se centrou na análise lingüística e deu lugar á corrente denominada empirismo lóxico ou neopositivismo.