empresa
(< ital impresa)
-
s
f
Acción e efecto de emprender.
-
[ECON]
-
s
f
Entidade económico-xurídica integrada polos elementos da produción, capital e traballo, para a obtención de bens ou de servicios con fins lucrativos. A actividade da empresa, destinada á produción de bens ou á prestación de servicios, implica un risco, ao que están expostos os resultados da empresa, os seus membros ou mesmo a súa propia existencia. A entidade económica que responde máis claramente ás características mencionadas é a chamada empresa privada, estreitamente ligada ao sistema de economía capitalista e caracterizada pola liberdade de acción do empresario na elección dos métodos de produción, pero sometido ás limitacións derivadas da competencia e das condicións conxunturais e estruturais do ámbito no que actúa. O obxectivo principal da empresa capitalista é a maximización do beneficio. A moderna grande empresa naceu e configurouse a través da concentración de diversas sociedades, a absorción dunhas por outras e a diversificación da produción.
Clasificación empresarial segundo a súa actividade
Seguindo a división clásica de Colin Clark en tres sectores da actividade económica, diferéncianse entre empresas do sector primario, que procuran a obtención de produtos primarios e inclúen as empresas agropecuarias (agrícolas e gandeiras) e extractivas (mineiras e pesqueiras); empresas do sector secundario, transformadoras das materias primas procedentes do sector primario e secundario en produtos manufacturados, como as empresas mineiras, industriais e da construción; e empresas do sector terciario, que ofrecen servicios ao consumidor, onde se inclúen empresas de servicios, comerciais, de transportes, educación, bancarias, entre outras.
Clasificación segundo a estrutura xurídica
Segundo a propiedade dos medios de produción as empresas poden ser privadas ou públicas ou semipúblicas. As empresas privadas poden ser individuais, pertencentes a unha soa persoa, e colectivas, pertencentes a un conxunto de persoas denominadas socios. Estas últimas poden agrupar sociedades de persoas, que achegan capital e traballo ou só capital, e sociedades de capital, dividido en achegas realizadas polos socios a través de subscricións nas sociedades limitadas e de accións nas sociedades anónimas. Nas empresas públicas o capital é propiedade total ou maioritariamente dunha institución pública, e a súa finalidade é a de producir bens e ofertar servicios de interese xeral.
Clasificación segundo a dimensión
Establécese a distinción entre Grande e Pequena e Mediana Empresa (PEME), atendendo a diferentes criterios, como a súa capacidade de obrar e nivel técnico, a forza de traballo que mobiliza, o seu volume de negocio ou a importancia do seu capital social ou polos resultados logrados pola mesma.
Clasificación segundo a función
Segundo o papel que xoga a empresa no desenvolvemento da actividade da unidade económica distínguense entre empresas de dirección, encargadas dos labores de información e de decisión encamiñados a optimizar os rendementos da empresa, como a organización dos servicios, a política do persoal e a análise dos mercados; empresas ligadas á produción, encargadas da creación de bens e servicios para a súa oferta no mercado e atentas fundamentalmente ao conxunto do proceso técnico; empresas de distribución, preocupadas por poñer a disposición dos seus clientes os bens e servicios que produce a empresa, para o que levan a cabo labores de estudo de mercado, organización de vendas ou promoción de vendas; e empresas de apoio loxístico, dedicadas a actividades de mellora do funcionamento interno das empresas a nivel técnico, comercial, administrativo e social.
Clasificación segundo a orixe do capital
Segundo a procedencia do capital pódense distinguir empresas nacionais, con capital total ou maioritariamente do seu país; empresas estranxeiras, con capital foráneo na súa maioría; e empresas multinacionais, integradas por unha matriz e un conxunto de filiais que operan en varios países simultaneamente. -
empresa asociada
Empresa sobre a que exercen influencia outras empresas a través dunha participación no seu capital social.
-
empresa de traballo temporal [ETT]
Empresa dedicada a poñer en disposición doutra empresa usuaria, e de forma temporal, os traballadores contratados pola primeira.
-
empresa filial
Empresa controlada por unha empresa matriz posuidora dun número suficiente de accións que lle outorgan o control.
-
empresa matriz
Empresa que constitúe outras empresas filiais, ás que dirixe, mediante o control maioritario da propiedade.
-
empresa multinacional
Empresa que posúe sociedades que operan en diversos países. Tamén se denomina empresa supranacional ou transnacional.
-
pequena e mediana empresa [PEME]
Empresas catalogadas pola Comunidade Europea segundo criterios de facturación, capital e número de traballadores. Así, a pequena empresa tería ata 50 traballadores, facturaría menos de 2 millóns de euros e os seus activos totais suman ata 1 millón de euros; a empresa mediana posuiría ata 250 traballadores, facturaría ata 8 millóns de euros e os seus activos non superan os 4 millóns de euros.
-
s
f
-
s
f
[HIST]
Compromiso de tipo militar asumido mediante xuramento por un cabaleiro. Estaba simbolizado por algunha prenda ou signo exterior que portaba ata acadalo.