encoro

encoro
  1. s m

    Acción de encorar.

  2. s m
    1. Depósito natural nun curso de auga en que se recollen as aguas.

      Ex: O regato forma un encoro antes de caer pola fervenza.

      Sinónimos: encalco, presa, represa.
    2. [ENX/XEOG]

      Remanso de auga formado de xeito artificial, polo común pechando a boca dun val mediante unha presa, en que se deposita parte do caudal dun río.
      Tipos e utilizacións
      Segundo as súas características e localización, a finalidade das represas pode ser a de constituír reservas de auga para abastecer as centrais de produción de enerxía eléctrica, para a subministración de augas potables nas áreas urbanas, ou para o regadío nas rexións máis áridas. En sentido amplo, os encoros adoitan corresponder a tres tipos principais: de recepción ou aqueles situados nas fontes de aprovisionamento de auga da conca, proxectados para compensar as deficiencias de caudal no estío; de distribución, situados cerca do punto de abastecemento e proxectados para compensar as flutuacións no consumo de auga; e de compensación, planeados para proporcionar unha presión da auga constantemente uniforme. A funcionalidade e características dos encoros veñen marcadas polas condicións da súa localización. Os vales encaixados e profundos, cun leito rochoso, son a miúdo os lugares escollidos para a construción dos mesmos. No caso das presas para a obtención de enerxía hidroeléctrica, estas constrúense xeralmente augas arriba, onde o río salva os maiores desniveis, para así obter a altura de caída requirida. A maior parte dos encoros localízanse nos países con escaseza doutros combustibles naturais, como petróleo, gas ou carbón, e nos que as condicións ambientais son favorables (áreas montañosas con presenza de ríos caudalosos e regulares), ou mesmo naqueles onde a sequidade do clima require o máximo aproveitamento das augas de arroiada superficial, para evitar que se perdan por infiltración no solo ou que vertan directamente ao mar durante a época de chuvias. No transcurso do s XX, case que todos os gobernos españois favoreceron a construción de presas para suplir a carencia doutros recursos enerxéticos fósiles no territorio nacional, regularizar o caudal dos ríos cunha marcada irregularidade estacional, e irrigar as áreas de secaño, de tal xeito que practicamente todos os cursos fluviais de certa relevancia contan cun ou varios encoros nalgún dos seus tramos. Por concas hidrográficas figura en primeiro lugar a do Texo, con máis do 25% da súa capacidade represada, seguida das do Douro (16%) e o Ebro (15%).
      Os encoros galegos
      En Galicia, a compartimentación do relevo e a densa rede fluvial favoreceron historicamente a intensa utilización dos cursos de auga como fonte de enerxía. Un exemplo tradicional deste uso son os muíños hidráulicos que tradicionalmente se construían ás beiras dos ríos e regatos para moer o millo ou o centeo. Ao contrario que no S de España, onde a construción de encoros tiña como finalidade satisfacer a demanda da agricultura de regadío e do consumo humano, na denominada “España húmida” a construción de grandes encoros estivo case exclusivamente vinculada á produción de enerxía hidroeléctrica. En 1874 instalouse sobre o río Umia, á altura de Caldas de Reis, a central de Segade, a primeira en Galicia, que funcionou a pleno rendemento ata a súa clausura en 1952. O aproveitamento da forza dos saltos de auga para abastecer minicentrais hidroeléctricas, nos máis dos casos por iniciativa privada, incluso dentro do ámbito familiar, deu lugar á construción de moitos pequenos encoros. A construción dos grandes encoros demorouse ata a década de 1940, cando se creou Fuerzas Eléctricas del Noroeste (FENOSA) o 23 de agosto de 1943. Unha das primeiras obras de FENOSA foi a construción do encoro das Conchas que, situado sobre o río Limia, asolagou terras dos concellos de Bande, Lobeira e Muíños; este encoro foi unha obra senlleira non só polo seu volume (80 Hm 3 ), senón tamén polo emprego de novas técnicas na construción e funcionamento da central. Nos anos seguintes, nun contexto de grande aumento na demanda enérxetica, experimentouse un incremento espectacular de represas nos principais cursos fluviais de Galicia, froito da actividade de catro compañías eléctricas: FENOSA, a Sociedad General Gallega de Electricidad, Saltos del Sil e a Empresa Nacional Calvo Sotelo. Nesta época iniciouse o aproveitamento hidroeléctrico da conca do Miño e do Sil, coa construción dos encoros dos Peares (inaugurado en 1955) e de Belesar (inaugurado en 1963). Este último, propiedade de FENOSA, localízase entre os concellos de Chantada, O Saviñao e Taboada. Esta grande obra de enxeñería conta cunha presa de tipo bóveda, case que en contacto coa dos Peares, que acada os 130 m de altura máxima. A construción do encoro supuxo o asolagamento da vila de Portomarín, que foi substituída por un asentamento de nova planta situado a maior altura na vertente, ao que se trasladaron os edificios de interese histórico-artístico. Encoros dos Peares e Belesar, e outros coma os de Santo Estevo ou Penarrubia no Sil, supuxeron os proxectos pioneiros no intenso aproveitamento das augas da conca do Miño, que se continuaron coa posterior entrada en funcionamento de importantes centrais como as de Velle (1966), a de Castrelo de Miño (1968), a de Frieira (1969) e a de Sela, no Baixo Miño. O importante caudal e as condicións de encaixamento do Sil nalgúns tramos, concédenlle a este curso un gran potencial enerxético, de tal xeito que, á parte dos mencionados, desde fins dos anos 60 construíronse varios encoros na súa conca, entre os que destacan o de Santiago, en Valdeorras, a presa de Pumares, ou as pequenas centrais do Mao ou do Bibei (Pías e San Sebastián). Tamén na conca do Miño cómpre mencionar o encoro de Albarellos, construído en 1970 no curso alto do Avia, que aproveita o encaixamento do val. Fóra da conca do Miño, o Eume, o Tambre e o Ulla acollen encoros relevantes pola súa capacidade produtiva: o do Eume, o máis setentrional dos encoros galegos, inaugurouse en 1960 e supuxo no seu momento o emprego da primeira presa de tipo bóveda en España. No Tambre, o aproveitamento hidroeléctrico iniciouse na década de 1920, por iniciativa da compañía Sociedad General Gallega de Electricidad. En 1946 iniciáronse as obras de construción do encoro de Barrié de la Maza, entre os concellos de Negreira, Brión e Ames, que permitiu o abastecemento da central eléctrica Tambre I a partir de 1949, e posteriormente da Tambre II, que entrou en funcionamento en 1973. No Ulla destaca o encoro de Portodemouros, inaugurado en 1967, que ofrece unha imaxe pouco común en comparación co resto das presas galegas, xa que se organizou nunha serie de catro xigantescos banzos constituídos por un núcleo impermeable de arxila cun recubrimento que impide o fluír da auga.
      Repercusións medioambientais dos encoros
      Aínda que a enerxía hidroeléctrica se ten considerado como unha enerxía limpa, non directamente contaminante, o certo é que a construción de encoros suscita non só conflitos derivados do asolagamento de vales e núcleos de poboación, senón tamén problemas medioambientais, debido ao desequilibrio que as grandes retencións de auga introducen nos ecosistemas fluviais, ou modificacións climáticas nos contornos do encoro por mor da presenza dunha maior cantidade de auga acumulada, como poden ser un incremento da frecuencia e persistencia das néboas ou, nalgúns casos, un lixeiro aumento das precipitacións. Nas presas de nova construción procúranse minimizar as consecuencias negativas coa introdución de medidas como, por exemplo, a instalación de canles de desviación da corrente para non coutar o paso de especies piscícolas no seu camiño cara ao mar ou dende el. Ademais, aumentouse a construción de minicentrais hidroeléctricas como alternativa ás dificultades de planificación e ás desvantaxes medioambientais dos macroencoros. Por outra banda, non está claro o grao de incidencia das masas de auga artificialmente acumuladas nos encoros, construídos sobre cursos fluviais moitas veces aloxados en fracturas, áreas onde a codia terrestre é máis débil e, polo tanto, máis susceptible, en principio, de converter as presións desas masas de auga en tensións que xeren movementos sísmicos.

Palabras veciñas

encordoar | Encoriscada, A | encornar | encoro | Encoro | encorreado -da | encorrear