ENDESA [Empresa Nacional de Electricidad SA]
Empresa creada polo antigo Instituto Nacional de Industria (INI) en 1944 para a produción de enerxía eléctrica. En 1945 iniciouse a construción da central térmica de Compostilla, en Ponferrada. En 1972 fusionouse con Hidrogalicia e ao longo desta década adquiriu varias explotacións mineiras e puxo en marcha centrais térmicas nas Pontes, Andorra (Teruel) e Litoral (Almería). En 1983 constituíuse o grupo Endesa e a empresa reforzouse a consecuencia do intercambio de activos no sector eléctrico, que se acordou en decembro de 1984, e realizou, entre outras operacións, a adquisición de porcentaxes das empresas Electra de Viesgo, Fecsa, Sevillana de Electricidad e Tejo Energia (Portugal). Desde 1992 comezou a operar en Sudamérica, con investimentos en Arxentina e Chile, e obtivo a concesión do subministro de enerxía a Marrocos. Participou no mercado da telefonía, da comunicación e dos carburantes. O capital do Estado reduciu a súa participación ata a privatización total da empresa en 1998, ano da súa saída a bolsa. No ano 2000 iniciou un proceso de fusión con Iberdrola, que rompeu en febreiro de 2001. A Fundación Endesa recibiu en 1999 a Medalla de Oro al Mérito en Bellas Artes.