Endromis

Endromis
[ANIMAL/ENTOM]

Xénero de lepidópteros, da familia dos endrómidos, que ten como única especie a E. versicolora. As bolboretas son de cor acastañada arrubiada, co corpo groso e peludo, alas atravesadas de xeito transversal por dúas bandas extreitas brancas e negras co bordo externo máis escuro e con varios ocelos brancos no extremo. As eirugas son grosas e de cor verde con franxas finas de cor branca. Na Península Ibérica distribúese por unha ampla franxa do norte peninsular, con colonias extremas e illadas en Galicia (río Eume) e Catalunya, onde se distinguen dúas subespecies: E. versicolora subpyrineae e E. versicolora meridionalis, esta última no extremo oriental da distribución penínsular. As eirugas aliméntanse principalmente das follas de amieiros, abeleiras, salgueiros, bidueiros, carpe ou tileiros. Pasa o inverno no solo na fase de crisálida e, a partir de febreiro e ata abril, os machos voan durante as horas de sol polos claros do bosque en busca das femias, pousadas no solo ou en pólas baixas. É unha especie propia de fragas que está en perigo de extinción, debido a escaseza de bosques ben conservados e por ser víctima dos biocidas empregados para tentar controlar outras especies de insectos forestais considerados como pragas. Recibe a denominación popular de falsa esfinxe.