Eneas

Eneas
[MIT]

Heroe troiano, fillo de Anquises e Afrodita e xenro do Rei Príamo. Descendente de Dárdanos e, xa que logo, de Zeus, foi un personaxe destacado na Ilíada de Homero e o protagonista da Eneida de Virxilio, que toma como tema central a marcha cara ao Lazio trala Guerra de Troia. Nesta guerra foi o máis afoutado dos troianos despois de Héctor. Desde os textos homéricos aparece como un heroe protexido polos deuses e marcado por un glorioso destino: el e os seus descendentes reinarán para sempre sobre Troia. Os poetas posteriores presentan a Eneas loitando arredor da cidade e asumindo o papel de Héctor; trala caída de Troia, seguindo o consello do pai e as indicacións de Afrodita, diríxese a Ida con Anquises, o seu fillo Ascanio e a súa esposa Creusa. A lenda máis difundida é o relato de viaxes de Eneas, que recolle Virxilio na Eneida, ata a Hesperia ou as cidades do Mediterráneo occidental. A lenda conta como un descendente seu, Rómulo, fundará Roma; e o seu fillo, Alba Longa, a metrópole de Roma. A lenda de Eneas supuxo a reconciliación dos troianos e dos gregos e deulle a Roma carácter ilustre, ao remontar a raza dos seus fundadores aos tempos históricos e ao atribuírlle antepasados divinos, como Zeus e Afrodita.

Palabras veciñas

endurecer | ene | eñe | Eneas | Eneas de Gaza | Eneco | Eneco I de Pamplona