Eneida
Poema épico latino da autoría de Publio Virxilio Marón que deixou inacabado despois de traballar nel dende o 29 a C ata o 19 a C. Está composto por 9.896 hexámetros distribuídos en doce cantos (o poeta pretendía escribir aínda tres máis). Recolle a lenda, de orixe grega e coñecida polos romanos, das viaxes de Eneas dende que fuxiu de Troia co seu pai Anquises e o seu fillo Ascanio ata que se estableceu no Lazio. A deusa Xuno, inimiga de Eneas obstaculizou a partida do heroe e os superviventes troianos cara a Tracia, Creta, Épiro e Sicilia. Así, a embarcación na que navegaban foi sacudida por un forte temporal e arribou á costa africana; alí os navegantes encontraron a próspera rexión de Cartago e foron acollidos pola Raíña Dido. A petición desta, o heroe cóntalle a historia da súa vida desde a caída de Troia, ata a súa fuxida da cidade e os perigos da viaxe. Logo de escoitar este relato de sufrimento e heroísmo, a raíña queda apaixonadamente namorada do heroe troiano, episodio que constitúe a gran pasaxe lírica do poema. Dido rógalle, daquela, a Eneas que non a abandone, pero o príncipe, seguindo ordes de Xúpiter, decidiu continuar a súa viaxe; a raíña, que non resistiu o abandono, buscou no suicidio alivio para a súa desventura. O heroe marchou logo a Sicilia, onde en memoria de seu pai falecido un ano antes, visitou os Campos Elisios, lugar a onde os romanos crían que ían as almas dos mortos. Eneas descendeu ao Averno, onde encontrou a sombra de seu pai que o aconsella e lle mostra a raza de varóns ilustres, que descenderán del e constituirán a grandeza do pobo latino. En chegando ao Lazio, foi acollido polo Rei Latino, quen lle prometeu a súa filla Lavinia. Xuno espertou a cólera de Turno, rei dos rútulos, que iniciou unha longa guerra contra Eneas. Despois de varios combates e cando se presumía a derrota dos troianos, o heroe volveu ao campo de batalla cun escudo realizado por Vulcano e mudou de rumbo a loita. Na última batalla, Eneas resultou ferido polos guerreiros adversarios, pero Venus, envolvida nunha nube escura, curoulle a ferida e volveu ao duelo. O poema virxiliano remata coa morte de Turno a mans de Eneas, pero os historiadores transmiten os acontecementos posteriores: a fundación de Lavinio, as loitas contra as diversas tribos do país e a desaparición de Eneas durante unha tempestade. Segundo a lenda será un descendente seu, Rómulo, o fundador de Roma; o seu fillo Ascanio fundará Alba Longa, a metrópole de Roma. O heroe, por mandato do Olimpo, guía os deuses troianos a este lugar para preparar a próxima fundación de Roma e proclama a divina misión de Roma como rectora das razas humanas. A versión virxiliana impúxose sobre as posteriores e é a única que se mantén viva desde o s I. A lenda de Eneas ennobreceu a Roma ao remontar a raza dos seus fundadores ás orixes mesmas dos tempos históricos e ao lle atribuír antepasados divinos: Zeus e Afrodita. O ennobrecemento das orixes de Roma, a loa das virtudes romanas e a glorificación da familia Xulia converteron este poema na epopea nacional do pobo romano nun intento deliberado de glorificar Roma, por encargo de Augusto, cantando a suposta orixe troiana das súas xentes e, en especial, os logros e ideais de Roma baixo o seu novo emperador, como descendente de Eneas. Os seus modelos foron as antigas epopeas gregas, A Ilíada e Odisea de Homero, os poetas alexandrinos, especialmente Apolonio de Rodas, e Ennio e Nevio. Esta obra influíu en toda a cultura occidental e foi modelo da poesía posterior. A súa lírica converteuse en modelo de perfección literaria ao introducir a musicalidade e a precisión técnica na súa métrica. Durante a Idade Media atopouse nela un sentido filosófico, e Dante e Petrarca converteron a Virxilio nunha referencia constante no humanismo do Renacemento.